Ángel Mato: “Este é o goberno local menos democrático de cantos vivín na cidade de Ferrol”

O portavoz do grupo municipal recunca como secretario xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE cun obxectivo a medio prazo: conseguir os apoios suficientes para volver gobernar
Ángel Mato: “Este é o goberno local menos democrático de cantos vivín na cidade de Ferrol”
Mato, nun pleno deste mandato | Jorge Meis

Ángel Mato dirixirá nos vindeiros catro anos os designios da Agrupación Local do PSdeG-PSOE, logo de que a súa candidatura superase na votación do domingo á alternativa de Bruno García.

 

Cal vai ser a posición da candidatura gañadora con respecto á de Bruno Díaz? Hai man tendida ou son dúas visións moi diferentes da proposta municipal do PSdeG-PSOE para o vindeiro ciclo? 
Non, non. Aquí do que se trata é de reivindicar a política. Nos tempos que corren, o difícil é dar un paso cara adiante para ter unha responsabilidade política. Agora mesmo, e dun xeito moi interesado, estase a deostar esta actividade que é imprescindible para poder mudar ou mellorar a sociedade. Polo tanto, eu creo que xa desde onte hai un só PSOE traballando coordinado e cohesionado cara ao obxectivo que, como dicía hai un intre, é común para toda a Agrupación. Considero que iso é o relevante. O de onte era un trámite que había que facer. Eu, como dixen, estaba contento e orgulloso de poder ter unha segunda oportunidade para seguir dirixindo a Agrupación e, evidentemente, nesa Agrupación, como non podía ser doutro xeito, cabe todo o mundo.

Que valoración fai sobre a primeira metade do mandato?
Creo que, lamentablemente, este goberno non ten un proxecto claro de cidade. De feito, levamos case dous anos sen nada máis que anuncios de dúas obras de grande entidade, como son, por un lado, o derrubo dese tramo de muralla do Arsenal, e do que aínda non vimos nada, e, polo outro, da famosa Cidade do Deporte. E o goberno leva vivindo deses dous asuntos desde que chegou, pero a cidade ten moitísimas necesidades en todos os ámbitos. Por poñer un exemplo: vexo moitas carencias en materia de mantemento de viais e penso que as estradas están bastante peor do que o estaban hai catro anos. Por outra banda, é moi preocupante que o goberno non teña levado adiante nestes dous nos nin un só proxecto propio. Ademais, falou moito de que ía facilitar que houbera chan industrial na cidade e, ás primeiras de cambio, negociou para desfacerse do único chan industrial que tiñamos. A Alcaldía e o goberno de Ferrol require dedicación exclusiva. Hai que poñerse a traballar porque todo leva moito tempo, aínda sendo 13 concelleiros e tendo unha maioría absoluta como ten este goberno. Non se pode estar a todo. De feito, os intereses da cidade teñen que estar por riba dos do Partido Popular e, en moitas ocasións, penso que o alcalde confunde o programa do PP coas necesidades do concello de Ferrol, e non teñen nada que ver.

 

 

Como ten que ser a relación con outros dous grupos da oposición. Ten que cambiar algo?
A relación entre todos nós é bastante boa. O que a min me preocupa moitísimo máis é que este goberno sexa o menos democrático dos que eu vivín, e niso creo que coincidimos todos os grupos da oposición. Confundiu esa maioría absoluta que ten con absolutismo: temos moitísimas dificultades para acceder á información e, como eu digo sempre, os proxectos que este goberno saca adiante son exclusivamente seus, pero ese é un xeito erróneo de entender a política porque nós poderiamos contribuír a melloralos ou aportar ideas, pero o goberno sistematicamente non quere saber nada. Polo tanto, o problema non está na oposición, que traballamos cada un desde a nosa perspectiva política para mellorar aquilo que tamén nos trasladan os cidadáns. 

Ángel Mato: “Este é o goberno local menos democrático de cantos vivín na cidade de Ferrol”

Te puede interesar