lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Ana Ares: “Penso que o Campus ten todo o necesario para converter Ferrol nun referente en industria intelixente”

Ana Ares asumió el pasado octubre la dirección del Campus Industrial | jorge meis

Directora do Campus Industrial de Ferrol


Foi o primeiro campus de especialización do Sistema Universitario Galego e o primeiro tamén en acadar a acreditación como tal da Xunta de Galicia. O Campus Industrial de Ferrol, dirixido desde hai catro meses pola profesora e investigadora Ana Ares Pernas (1975), continúa a dar pasos cara adiante co obxectivo de seguir estreitando as relacións coas empresas da contorna e avanzar nos resultados da transferencia de coñecemento ao sector productivo.


Cales son os principais retos do Campus Industrial?

Os maiores retos son mellorar a retención e captación do talento predoutoral e posdoutoral que contribúan a mellorar a nosa produción científica; avanzar nos resultados de transferencia ao sector productivo, xa que ademais somos un campus que ten xa un histórico na relación coa empresa; a internacionalización do noso campus e temos bastantes estudantes que veñen de fóra; continuar a revisar e adaptar os nosos títulos e crear outros novos que permitan que os egresados e egresadas saian coas competencias que precisa a industria da comarca; e por suposto o importante labor de comunicación no que se achega o coñecemento desenvolvido no campus á sociedade. Estes son os principais retos.


No tocante á oferta académica, que salientaría do mapa de titulacións actuais do campus local?

Temos titulacións que son únicas en Galicia como pode ser o grao en Xestión Industrial da Moda, que ademais é bilingüe; o Máster en Videoxogos, tamén único en Galicia; e despois a min gústame moito falar de graos que son moi versátiles, como o dual en Enxeñaría Eléctrica ou o Aberto en Enxeñaría Industrial, que permite aos estudantes matricularse no primeiro curso se non teñen claro a que rama queren dedicarse (Electrónica, Electricidade ou Mecánica). Fan así un primeiro curso común e logo no segundo poden decidir a que grao se van. O grao dual tamén é moi interesante porque poden escoller facer prácticas en empresas. Temos tamén o máster universitario Erasmus Mundus en sostenibilidade e industria 4.0 aplicada ao sector marítimo, no que os estudantes poden cursar un semestre en Italia e outro aquí, ou o de Materiais Complexos, no que poden facer un cuadrimestre en París e outro aquí. Sen olvidarme por exemplo do de Deseño Industrial que tamén é un máster único en Galicia.


Un dos novos graos que teñen previsto implantar é o de Relacións Internacionais, que substituirá ao de Humanidades. En que outros programas están a traballar?

En canto ao grao de Relacións Internacionais, nós xa fixemos todo o proceso e agora mesmo está en proceso de verificación pola Xunta e o Ministerio e agardamos que se poida poñer en marcha canto antes. No caso dos estudos de másteres, están en proceso de redacción por exemplo o de Vehículos Autónomos, que sería en colaboración coa Universidade de Vigo e Santiago; o de Fabricación Aditiva, neste caso coa universidade de Vigo; e o de Textiles intelixentes, que en principio se vai pilotar desde esta univeridade, Pero todos eles están aínda en redacción. Son másteres que probablemente non serán para o vindeiro curso, senón para o seguinte. Se está traballando sobre a posibilidade de implantalos no campus en colaboración con outras universidades.


Como é a relación do Campus Industrial de Ferrol co texido produtivo da comarca?

O Campus Industrial de Ferrol sempre tivo bastante relación coas empresas da zona, que sempre estiveron interesadas en colaborar con nós, ben co tema de prácticas cos alumnos, ben con colaboracións de transferencia. Temos por exemplo o caso de éxito da UMI (Unidade Mixta de Investigación) UDC-Navantia, no que se conseguiu desenvolver moitas investigacións e patentes. Gustaríame destacar que non son só empresas grandes, xa que hai moitos laboratorios nos que os investigadores e investigadoras traballan con moitas pemes para facer pequenos proxectos de de-senvolvemento por exemplo de novos produtos ou optimizacións de procesos industriais, en todas estas liñas de investigación e de especialización que son as nosas, como tamén asistencias técnicas. Hai un contacto moi directo do Campus Industrial, dos investigadores e investigadores coas empresas. Obviamente queremos facer moitas cousas novas, queremos involucrar ás empresas en proxectos europeos, de máis envergadura, pero hai que seguir traballando para que a empresa e a universidade traballen cada vez máis aliñadas.


Que balance fai destes anos de especialización do Campus Industrial?

Está claro que eu chego nun momento moi bo, porque no mes de marzo do pasado ano foi acreditado pola Xunta de Galicia como primeiro campus de especialización do SUG grazas ao bo facer do anterior director, Ginés Nicolás, e por suposto grazas ao esforzo de todo o equipo de traballo e investigadores e investigadoras do campus. Polo tanto agora mesmo a situación é privilexiada porque neste tempo que levo no Campus Industrial tiven a oportunidade de facer moitas cousas que antes, no proceso de acreditación, non sería posible. É un momento cheo de ilusión porque a acreditación supuxo un apoio moi importante e un pulo para pór en marcha novas iniciativas que contribúan a vincular a actividade docente e investigadora ao tecido socioprodutivo do entorno e da sociedade.


Que papel xoga, ao seu xuízo, o Campus Industrial de Ferrol na cidade?

Eu penso que a relación coas empresas da contorna é moi boa, é certo que nos queda traballo neste sentido. En canto á relación coas administracións públicas gustaríame destacar a relación co Concello de Ferrol, e da comarca. Concretamente co de Ferrol estamos moi agradecidos tamén pola mención de Ferrolán do Ano que para nós foi un recoñecemento moi importante, pois o apoio das institucións da contorna é fundamental para poder acadar os nosos obxectivos. Ademais achegounos tamén á sociedade ferrolá, coa que temos un compromiso de contribuír co coñecemento, a innovación e a transferencia ao desenvolvemento da comarca e penso que o Campus de Ferrol agora mesmo ten todo o necesario para converter Ferrol nun referente en industria intelixente e queremos que sexa ademais un revulsivo para as empresas e a cidadanía de Ferrol e a súa comarca.

Ana Ares: “Penso que o Campus ten todo o necesario para converter Ferrol nun referente en industria intelixente”

Te puede interesar