Alejandro Enríquez: “O máis interesante da rapa non é o curro, senón as relacións entre a comunidade”

O director de "Rapa" presenta mañá nos Duplex o documental
Alejandro Enríquez: “O máis interesante da rapa non é o curro, senón as relacións entre a comunidade”
Enríquez dirixe o documental I Cedida

“Rapa”, o documental no que Alejandro Enríquez aborda un costume ancestral como o que cada verán –este ano será do 5 ao 8 de xullo– acolle a aldea de Sabucedo, estréase mañá venres ás 17.30 horas nos cines Duplex de Ferrol nunha proxección que contará coa presenza do director.  


O filme, explica Enríquez, foxe dos focos baixo os que se adoita mirar este labor convertido en espectáculo. “Teño un amigo en Sabucedo e co paso dos anos funme animando a ir en inverno, cando non vai ninguén, para vivir esa parte da rapa que poucos coñecen e que a min máis me enganchou”. O director lembra que a rapa das bestas é “un traballo de todo o ano e, co tempo, funme dando de conta de que quería contar esa historia porque vin que alí había unha enerxía moi chula entre as persoas, a terra e as bestas. Había unha historia moi forte que non estaba contada. Miras para os lados e ves que só estás ti para contalo”, explica. Enríquez quixo pór o foco “nas relacións humanas, en retratar unha comunidade, que ten máis complexidade e para min é desde logo máis atractivo”. 


Niso, no aspecto social, comunitario, é no que incide “Rapa”. “Foi, é, unha experiencia moi grande para min. Fixen unha película e podería facer outra. A comunidade é a xente, as persoas, pero tamén é a terra, o monte, a chuvia e as bestas. Marcoume moito. Foi unha oportunidade de falar de cousas que se están a perder e facelo con enerxía positiva, porque eles teñen un profundo orgullo de defender o seu”. 


O documental expón, polo tanto, as preocupacións desa comunidade. “O medo é que iso remate; é unha preocupación que nace na intimidade e vai saíndo cara a fóra. Non sei se pode desaparecer, pero o que está claro é que hoxe, no monte, hai menos bestas”, di. 


O cineasta sempre tivo claro que o groso tiña que ser o traballo previo ao curro. “Na primeira versión”, recalca, “remataba coa chegada ao curro, aínda que ao final decidín integralo. Con todo, nunca faría un documental só do curro” porque o interesante, engade, “son as relacións, un tema que me atrae porque é universal: o éxodo rural leva pasando desde a Revolución Industrial e leva pasando en todo o mundo. Por iso a rapa é unha historia universal”. 

Alejandro Enríquez: “O máis interesante da rapa non é o curro, senón as relacións entre a comunidade”

Te puede interesar