Co cartel xa pechado e a un par de días de comezar, o Concello de Fene anunciou onte a oferta dun novo concerto enmarcado no Felicia Pop, que se celebrará entre xoves e o sábado. Nesta última xornada, ás 13.30 horas, actuará Familia Caamagno, unha banda amplamente recoñecida na escena galega pola súa singular proposta de power pop, que acada tamén notas de garaxe ou o máis delicado rock & roll.
De títulos tan rompedores como “Monstro subnormal” e “Romper Espagna”, os de Sigüeiro virán presentar o seu último traballo discográfico, cargado de nostalxia, humor e contido político, “O mundo está derrotado”. Este tamén é o nome dun dos temas que se atopan entre o inaugural, “Xuntos”, que rememora a canción homónima de Juan Pardo, e “O día que Fraga finou”, inspirada no “The Day that Tatcher dies” e trasladando a idea da ex primeira ministra británica ao ex presidente da Xunta.
O título do disco deixa entrever a sensación a partir da que se creou, mirando “cunha risa nerviosa” todas as noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos. Carlos Hernández asina a produción e gravación, que foi realizada nos estudios “El Castillo Alemán” no 2022.
Intensidade e baile definen os directos de Familia Caamagno, que está a piques de presentar novos proxectos, segundo sinalan fontes próximas á banda, que volverán a ter o selo de Carlos Hernández (Los Planetas, Carolina Durante, Airbag...).