PONTEDEUME | Santiago Rodríguez (PP): “Hai que buscar a maneira de recuperar o feirón, pois é vital para o comercio e para a hostalería da vila”

PONTEDEUME | Santiago Rodríguez (PP): “Hai que buscar a maneira de recuperar o feirón, pois é vital para o comercio e para a hostalería da vila”
Santiago Rodríguez, candidato do PP á Alcaldía de Pontedeume

Concelleiro desde 2019 e voceiro do partido nos últimos tres anos da lexislatura, Santiago Rodríguez Piñeiro (Pontedeume, 1981), máis coñecido na vila como o fillo de Urbano o da auga, estréase como candidato á alcaldía. “Creo que os veciños de Pontedeume precisan e se merecen outra xestión municipal que a que teñen co actual goberno do PSOE”, afirma este home moi vinculado ao club de balonmán eumés, onde xogou desde os 12 anos e do que tamén foi adestrador e vicepresidente (na actualidade segue colaborando con el como vocal). 

 

Entre as necesidades máis urxentes na vila, apunta, en primeiro lugar “buscar aparcadoiros tanto para os visitantes como para os residentes”. Considera así mesmo prioritario “seguir coa renovación da tubaxe da auga potable. Ben é certo que se levan gastado máis dun millón de euros, pero necesítanse máis de dous millóns e para renovala na súa totalidade”, afirma. En terceiro lugar, “e non é por ser menos importante”, puntualiza, “hai que buscar a maneira de recuperar o feirón, pois todos sabemos que é vital para o comercio e hostalería da nosa vila que actualmente está a piques de desaparecer”. 

 

Entre as principais propostas do seu partido para o vindeiro mandato, apunta á aprobación dun Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) e unha Área de Rehabilitación Integral (ARI) “que son fundamentais para a rehabilitación de vivendas para así asentar poboación e ter acceso ás distintas axudas que concede a Xunta de Galicia”, manifesta. Considera que a xestión do goberno nos últimos catro anos “é bastante mellorable” por distintos motivos: “Temos todos os contratos prorrogados, tanto a xestión da piscina municipal, como o servizo de abastecemento, as conserxerías do pavillón, do centro de maiores e os colexios”, comprometéndose, no caso de recibir o apoio do electorado, “a dar solución aos problemas que xeneran sobre os traballadores e o mantemento de ditas instalacións”. 

 

Con respecto ao seu papel como oposición na última lexislatura, destaca que “foi en todo momento de control e fiscalización do goberno para que a xestión fora o mellor posible para todos os veciños”.

PONTEDEUME | Santiago Rodríguez (PP): “Hai que buscar a maneira de recuperar o feirón, pois é vital para o comercio e para a hostalería da vila”

Te puede interesar