FERROL | Jorge Suárez (FeC): “Gañamos moito coa cercanía da xente, ese é o noso campo de xogo”

FERROL | Jorge Suárez (FeC): “Gañamos moito coa cercanía da xente, ese é o noso campo de xogo”
O candidato de Ferrol en Común, Jorge Suárez, no Cantón | Jorge Meis

Jorge Suárez, alcalde entre 2015 e 2019, encabeza por terceira vez a candidatura de Ferrol en Común, logo dun mandato na oposición.

 

Se puidese erguerse mañá e que unha medida do seu programa estivese cumprida, cal sería?
Pois as vinculadas co emprego, porque supoñen un incremento de poboación. A maior forza para vencer o despoboamento é o emprego, iso é unha obviedade, aparte de facer unha cidade máis atractiva.

 

Como imaxina Ferrol dentro de catro anos?
Pois agora vivimos un momento álxido da construción naval, en consecuencia a poboación vai aumentar, o comercio local vai abrir e, se gobernamos nós, imaxino un centro peonil, un modelo de cidade moderna, de século XXI, con aparcadoiros disuasorios e máis habitable, máis sostible.

 

Que aporta a súa formación á política local?
Aporta os valores da esquerda. Ademais non dependemos de ningunha estrutura superior, somos un grupo de xente de Ferrol.

 

É difícil desenvolverse no Concello cando se apoia a acción de goberno e ao tempo hai que manter unha identidade propia?
É moi complicado porque unha vez que apoias ao alcalde e quedas na oposición, a oportunidade de incidir no goberno redúcese ao teu voto e ás mocións. Por iso a nosa intención é ser a forza máis votada da esquerda, gobernar en coalición, pero en ningún caso quedar na marxinalidade porque iso, dous mandatos seguidos, non creo que ningúen o puidese entender.

 

Foi o que pasou, quedou Ferrol en Común na marxinalidade?
Creo que fixemos un labor de moita loita social. Estivemos acompañando a todos os colectivos mobilizados desta cidade, que de feito ao final se incorporaron á nosa lista: parques e xardíns, bibliotecas, transporte público. Tamén na reapertura do consultorio médico en Ferrol Vello. Seguimos activos na rúa. 


Dígame un erro e un acerto do goberno socialista.
Erro é pecharse no despacho e deseñar a cidade desde aí con dous amigos. Iso é un erro grave porque non é a forma de concibir a política actual, iso é máis dos anos 80. E un acerto.... un acerto pois... asumir as propostas de Ferrol en Común no orzamento único aprobado.

 

As campañas disfrútoas moitísimo, coma se fose unha viaxe á República Dominicana

 

E de Ferrol en Común.
Erros moitísimos, seguro. O principal, creo que debéramos non ser tan rencorosos quizais co Partido Socialista pola súa actitude con nós e facer algún esforzo máis por tratar de chegar a un acordo de goberno. Acerto, pois que toda a política que desenvolvimos revalorizou a nosa marca, co pouso dos anos foise aprezando máis o noso traballo político.

 

Páctase no Concello de Ferrol máis do que parece?
Si, somos moi intensitos nos debates. O orzamento mesmo, é unha medida positiva, votamos a favor pero facemos un discurso contra o goberno bestial. Transmítense os graves calificativos facilmente polas redes e polos medios pero o orzamento apróbase.

 

Con que expectativas parten?
Coas mesmas que en 2015, liderar a esquerda. Cada día de campaña vaise facendo un traballo para convencer de que dentro da esquerda somos os que temos as mellores propostas e o mellor equipo; coa cercanía da xente creo que gañamos moito e ese é o noso campo de xogo.

 

Como lles afectan as escisións, por que nunca foi posible presentar unha candidatura única?
O 2015 foi Marea Ártabra; o 2019, Marea de Ferrol; e agora Podemos. Creo que é unha pena.

 

Pero por que pasa?
A miña visión é de parte. Non sei dar unha resposta única... hai un contexto estatal, un contexto autonómico, e aquí en Ferrol hai persoas que agora están nos nosos rivais antinaturais, Podemos, que son os mesmos que estiveron en Marea de Ferrol, que son os mesmos que estiveron en Marea Ártabra. Quero dicir que é xente á que parece que lle custa negociar e non admite que aquí hai algo constituído e que hai que ser xenerosos por todas as partes.

 

Xógase a supervivencia política nestas eleccións? 
Eu estou moi a gusto coa miña xente. Non creo que se produza, sexa cal sexa o resultado, unha grave crise. A continuidade da organización está garantida e decisións persoais agora non me plantexo tomalas.

 

Que lle gusta máis da campaña?
A min todo, as campañas disfrútoas, dígoo de verdade. Gústanme moitísimo, falas con moitísima xente. Gústanme os debates e a intensidade destes días porque rompe un pouco a rutina de sempre. Sabes que son quince días e eu disfrútoos coma se fose unha viaxe á República Dominicana.

 

Que perdeu e que gañou Ferrol en Común desde que naceu en 2015?
Perdemos a inocencia de pensar que podiamos conseguir nun ano remunicipalizar todo, cambiar a estrutura administrativa do Concello; somos máis pragmáticos, sen renunciar aos nosos obxectivos. Gañouse o respecto cidadá como organización. Consolidamos o espazo.

 

Que é o máis duro da política?
A conciliación da vida familiar e laboral. Como en calquera profesión pero na política especialmente.

 

E o máis gratificante?
Cando consegues pequenas victorias e a ilusión que podes espertar nalgún veciño ou veciña.

 

Como viviu a pandemia, desde o Concello e desde o punto de vista persoal, se o quere compartir.
Desde o Concello vivín que tiñamos capacidade de decisión nun momento moi crítico. Conseguiamos chegar a acordos rápidos para salvar o pequeno comercio, tomar medidas sanitarias, de emerxencia social, etc. A nivel persoal teño moita sorte porque vivo nun baixo e en vez de patio o edificio ten un xardín pequeno; e na miña casa ninguén enfermou.

 

Pida o voto para FeC.
Votar a Ferrol en Común é votar a alguén que se vai preocupar da mocidade, das persoas maiores, dos que non teñen emprego. Somos a forza que representa máis a loita polas persoas, por mellorar as súas condicións de vida. Temos a experiencia, somos boa xente e temos toda a intención do mundo de vir aquí para facer cousas en positivo.

 

 

de preto

 

Un lugar de Ferrol ao que escapar cando non pode máis.
A Covas, pola parte de Prioriño, para correr ou pasear.

 

Se puidera resucitar a un personaxe histórico para tomar un café, quen sería?
Fernando Miramontes.

 

Que tarefa doméstica prefire?
Planchar.

 

É noctámbulo ou madruga?
As dúas cousas. Durmo pouco.

 

Recoméndenos un libro para a xornada de reflexión.
Algo lixeiro, de relatos. Raymond Carver.

 

E unha serie ou filme?
“Endeavour”, que aínda non a rematei.

 

É supersticioso, ten algunha manía ou fetiche?
Nada. Se vexo unha escaleira, paso por debaixo.

FERROL | Jorge Suárez (FeC): “Gañamos moito coa cercanía da xente, ese é o noso campo de xogo”

Te puede interesar