Membros da directiva do equipo e xogadores do Cebarca xuntáronse para festexar por todo o alto o corenta aniversario dende que o Cebarca (o equipo do concello de Cerdido) foi campeón de liga da segunda rexional da ría.
Todos eles xuntáronse no campo municipal Bernardino Breijo para verse despois de catro décadas e celebralo cun xantar no que o polbo foi protagonista, sen que faltara, como non, o churrasco e a música para animar a festa.
Os asistentes lembraron tamén as persoas que xa non están e, deste xeito, invitaron tamén aos seus familiares para darlles un recordo do clube. A organización da xuntanza agradece á directiva actual do Cebarca a súa colaboración neste encontro.