‘Canciños Fest', a versión infantil do Festival de Cans

‘Canciños Fest', a versión infantil do Festival de Cans
Fotograma de "A flor máis grande do mundo"

O Festival de Cans, que este ano cumpre a súa vixésima edición, organizará esta fin de semana no Porriño ou “Canciños Fest”, un novo certame que nace coa intención de achegar o cinema en galego aos máis pequenos.


O festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e terá lugar este sábado, 25, e o domingo, 26 de marzo nas instalacións do Círculo Recreativo Cultural de Porriño, con entrada gratuíta.


Entre os contidos que os pequenos da casa poderán gozar están curtametraxes e longametraxes de animación, obradoiros e actividades relacionadas co cinema e coa lingua galega.


O sábado, desde as 17:00 horas, o público poderá asistir a unha sesión de cinco curtos de animación para o público infantil que pasaron por diversas seccións do Festival de Cans ao longo dos seus vinte anos de historia.


“O Soldadiño de chumbo”, de Virxinia Curiá e Tomás Conde; “O Xigante”, de Luís da Matta; “Man”, sobre o alemán Man de Camelle, dirixida por Juan Carlos Abraldes, ou “A meniña que tiña unha soa orella”, de Álvaro León, así como “A flor máis grande do mundo”, de Juan Pablo Etxeverry, a partir dun relato do Nobel de Literatura José Saramago, son os títulos das cintas.


Tras a sesión de curtametraxes, para as 18:30 horas está programado un obradoiro de sons musicais para o cinema guiado polo artista multidisciplinar porriñés Juanma Lodo.


O domingo, 26 de marzo, de novo haberá unha sesión de cinema ás 17:00 horas, nesta ocasión coa longametraxe de animación para nenos “Maimiño”, de Ernesto Padrón, coproducida entre Cuba e Galicia.


E ao terminar, será a quenda dos contadores de Polo Correo do Vento, cun espectáculo de música e narración oral titulado “Unha historia do cinema en Galicia”, co que achegarán aos máis pequenos de forma didáctica diversos momentos das películas máis soadas feitas en Galicia.

‘Canciños Fest', a versión infantil do Festival de Cans

Te puede interesar