As deputadas de cultura, Natividade González e lingua, Soledad Agra, visitaron esta mañá a Real Academia Galega. O presidente da RAG, Henrique Monteagoudo, recibiunas na sede temporal da institución, onde mantiveron un encontro no que repasaron as colaboracións que ambas as entidades manteñen en materia de promoción do idioma e da cultura galegas no marco do convenio anual mediante o que, cunha achega de 60.000 €, a Deputación financia actividades como a primavera das letras ou os cursos de verán.
Así, as deputadas interesáronse pola marcha de proxectos da Real Academia Galega, especialmente daqueles que contan co apoio económico da Deputación da Coruña, entre os que destacan Primavera das Letras, dirixido ao público infantil; e os Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que se están a desenvolver no mes de xullo coa participación de sesenta estudantes procedentes dunha vintena de países de Europa, Asia e América.
As deputadas percorreron ademais as instalacións da RAG no polígono de Pocomaco, onde a institución permanece mentres continúan as obras de rehabilitación integral da súa sede histórica na rúa Tabernas da Coruña.
“Para nós é un orgullo colaborar cunha institución coma esta”, sinalou a deputada de cultura, Natividade González, “de país, comprometida coa lingua e a cultura”. “Por iso”, engadiu, “esta colaboración entre institucións é tan relevante, e desde a Deputación da Coruña reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando da man da Real Academia Galega para fortalecer o uso social do galego e para garantir que as futuras xeracións coñezan e valoren o noso legado cultural”.
Pola súa banda, a deputada de lingua puxo en valor o traballo da entidade na promoción da lingua galega, agradecendo “o seu incansable labor na defensa, promoción e dignificación da nosa lingua e cultura”. Soledad Agra sinalou ademais que “a Academia é unha institución senlleira que, ao longo da súa historia, ten sido faro e guía para todas aquelas persoas e entidades que traballamos pola identidade cultural do país. A súa entrega á preservación do galego, á investigación lingüística e á divulgación do noso patrimonio inmaterial constitúe un exemplo e un estímulo para o conxunto da sociedade galega”.