Durante a mañá deste venres 11, Fene engalanarase para coñecer o fallo do xurado dos Premios Curuxa 2025. Desta forma, o humorista gráfico David Pintor, e os gañadores da pasada edición do certame, Adrián Dopico e Lucas Sixto, acompañados da alcaldesa, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Xusto Ardá, e a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín reuniranse a partir das 12.00 para a deliberación.
Acto seguido, os premiados daranse a coñecer tanto a través das redes sociais do Concello, así como nas do propio museo.
Entre os nomes anteriormente mencionados destaca Pintor, ilustrador e caricaturista coruñés recoñecido no ámbito nacional, pero tamén ao longo do mundo con máis dun centenar de obras publicadas.
Entre o seu palmarés, ademais dun recoñecemento Curuxa no ano 2007, atópase un galardón na Feira do libro infantil de Sharjah, Dubai ou a participación en feiras de renome mundial como a Mostra de Ilustradores Infantís Soños en Papel de México ou citas consagradas ao longo de Europa. Así mesmo, participou na produción de “Valentina” como deseñador de personaxes. Este filme alzouse, en 2022, co Goya á mellor longametraxe animada.