O VI Chanfaina Lab de San Sadurniño reunirá en setembro a 33 creadores

O VI Chanfaina Lab de San Sadurniño  reunirá en setembro a 33 creadores
Diario de Ferrol-2019-08-09-011-7143cd23

San Sadurniño, as súas paisaxes e as súas xentes volverán ser os protagonistas dunha nova edición, a sexta, do Chanfaina Lab. O encontro audiovisual chega desta volta cunha maior duración, xa que terá lugar do 3 ao 8 de setembro –ata agora desenvolvíase durante a fin de semana–.

As catro primeiras xornadas estarán dedicadas á celebración de diferentes obradoiros, reservándose as dúas últimas –sábado e domingo– para a gravación dos traballos audiovisuais, que constitúen o eixo central da cita. Ademais, o venres á noite terá lugar a tradicional Eira de Cineastas, un pase público de fragmentos ou curtas enteiras da cada participante. O sábado, pola súa banda, proxectarase na Casa da Cultura o documental “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén. 

A iniciativa reunirá a 33 creadores e creadoras que xa confirmaron a súa asistencia para amosar outros puntos de vista do municipio, sexan documentais, ficticios ou experimentais. O proxecto está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou axudándolle de distintas maneiras aos equipos chegados de fóra do municipio. O programa do Chanfaina dará comezo o martes 3 cun obradoiro sobre técnicas de montaxe audiovisual impartido pola realizadora Sandra Sánchez. O mércores será a quenda para unha activiade centrada nos videoxogos e animación 3D, mentres que o xoves a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de “apps” para dispositivos Android.

Fotografía
A fotografía 3D centrará a cita formativa do venres, da que se ocupará o experto Anxo Santomil para xa pola continuar o programa co acto de benvida aos participantes.

Durante o sábado e o domingo, “os equipos de gravación percorrerán o territorio á procura de historias para contar ou daquelas que xa traen preparadas e que agardan a ser filmadas”, explican desde o Concello de San Sadurniño. As persoas do municipio que desexen colaborar nesta tarefa poden comunicalo no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919. Deste mesmo xeito se pode facer tamén a inscrición para asistir aos obradoiros sinalados.

O VI Chanfaina Lab de San Sadurniño reunirá en setembro a 33 creadores

Te puede interesar