O trío máis lonxevo do jazz español ten claro que 25 anos non son nada e que, polo menos, aínda quedan outros tantos enriba de táboas de todo o país. De feito, nesta celebración de cuarto de século pasarán polos escenarios naroneses dentro do ciclo Jazz de Ría.
O estilo de traballo do batería Lar Legido, do pianista Manuel Rodríguez e do contrabaixista Xacobe Martínez é agora, despois de oito discos publicados, “estable”, cuestión nada complicada a simple vista pero que “responde máis a unha dinámica de grupo de rock, no jazz hai máis promiscuidade. O segredo, cremos, que é un ingrediente fundamental que debería estar presente en todas as relacións humanas: o respecto”, aseveran, dando a coñecer, quizais, a clave da lonxevidade.
A esta cuestión hai que sumarlle a admiración que se teñen entre eles. Legido, Rodríguez e Martínez pódense ver da man das palabras do contrabaixista, que fala dos seus compañeiros como “dous músicos incribles que ao longos dos anos foron afondando nun discurso unido”. “Son xente”, incide Martínez, “cun discurso único. Non hai quen que os iguale”. Pode que sexa isto, o cariño que se teñen entre eles, sumado “a sorte” ao atoparse e “sonar ben”. É máis, botan a vista atrás , e recordan os inicios, cando “xurdía algo absolutamente máxico e nós fomos quen de velo”, recordan. Nese momento non houbo espazo para as dúbidas, asevera, “non podíamos deixar pasar isto”.
Aí foi cando empezou unha traxectoria que continúa hoxe e que vai pasar pola comarca durante o mes de agosto. Ese clic que foi xa case unha vida segue a ser un dos elementos esenciais cos que identificar a esta banda que comezou coa idea de “se iso facer algún concerto”, sen pretensións nin ataduras e que, en certa forma, mantén esta idea. “Hai moita xente que non nos fai puto caso, o que é marabilloso. A moitos non lles interesamos un carallo”, comentan entre risas. Entre este grupo de xente atópanse, asmísimo, os artistas.
O grupo anunciou a súa primeira colaboración o ano pasado, con nada máis e nada menos que El Niño de Elche. “Non é que tiveramos demasiadas solicitudes pero si que é certo que, nalgún momento, xurdiron”, explican, “mais nunca sentimos que necesitáramos facer moito máis. Sempre estabamos metidos no seguinte disco, o novo tema, e non fixemos nada con ninguén”.
Sen embargo, iso cambiou cando chegou o valenciano, que “nos botaba un pouco fóra do terreno habitual da nosa música, de como pensa esta industria, e a nós iso mólanos moito”. E como se dunha maridaxe se tratara, jazz e flamenco conseguen chegar a unha fusión que os de Compostela consideran que xurdiu cando coñeceron ao músico do levante e “sentimos que era unha especie de animal similar. Compartimos unha forma de ollar que vai máis aló das diferencias que poidamos ter e cando se lle propuxo este tema dixo que si”.
Desde a actitude ao criterio “non hai suficientes adxectivos para definir a El Niño de Elche, nós estamos namorados”, confesa este trío que, despois de 25 anos, non pode sentir algo que non sexa “moitísimas satisfacción e agradecemento. Tampouco pode ser doutra forma”.
Cunha carreira máis que consolidada ás costas, recordan que todo empezou pola “loucura pola música. O feito de poder adicarse a isto, ter un proxecto que sae das entrañas como Sumrrá, sen ter mirado ningún momento para outro lado...”, reflexionan, “é algo para celebrar”. E é o que están a facer Legido, Rodríguez e Martínez cun percorrido que “é un orgullo tremendo” poder conmemorar con aqueles que levan no patio de butacas dende se atoparon na noite de Santiago.