San Sadurniño investiu preto de 20.000 euros en traballos de mellora no colexio local

San Sadurniño investiu preto de 20.000 euros en traballos de mellora no colexio local
Na imaxe a fachada do CPI local onde se substituíron canalóns entre outras tarefas de conservación | concello

Preto de 350 rapazas e rapaces comezaron o novo curso 2022-23 no CPI de San Sadurniño con novidades. Malia que o alumnado non o notou demasiado, no centro houbo múltiples cambios, todos eles relacionados con obras de conservación acometidas polo Concello co obxectivo de que todo estivese a punto para o comezo do curso. A administración local dedicou cerca de 20.000 euros a reparacións nas últimas semanas, mentres segue reclamando que a Consellaría de Educación asuma o compromiso de levar adiante obras de maior calado que precisan os edificios de Primaria e Secundaria, “sobre todo en materia de illamento e eficiencia enerxética”, como precisan.


Tal e como explica o alcalde da vila, Secundino García, o Concello “está asumindo todos os veráns cantidades importantes en reparar aseos, facer pintados, amañar fiestras e persianas e outras pequenas cousas que supoñen unha derrama constante e que en moitos casos quedarían solucionadas cunha intervención integral, sobre todo no edificio de Educación Primaria, que o ano que vén fará 50 anos”.


Neste sentido, o rexedor local reitera que o Concello “seguirá  insistindo” na demanda “de melloras nas instalacións” e avanza que proximamente tamén se preparará unha memoria valorada “para solicitarlle á Consellaría a renovación da cuberta do patio e o pavimento na área de Educación Infantil”.


Así, durante as vacacións da rapazada, o consistorio levou a cabo tarefas de conservación en ambos edificios e na súa contorna, entre elas a reparación de persianas, portas e de pequenos desperfectos en aseos; a substitución de canalóns e baixantes en Secundaria para solventar as humidades no ximnasio; o arranxo e mantemento da caldeira da calefacción; a substitución de elementos no patio de Infantil; a reparación de canastas e a colocación de rellas metálicas no valado da pista polideportiva inferior; así coma a limpeza do sistema de drenaxe do aparcadoiro, xunto con reparacións puntuais no seu firme, entre outras.


O importe total destes traballos, como aseguran desde o consitorio “achégase aos 20.000 euros, a pesar de que unha parte importante das reparacións fíxoas o conserxe con material mercado polo Concello”, explica García, quen sinala que todas as actuacións tiveron como obxectivo “que as cativas e cativos poidan aprender nunha escola nas mellores condicións e que o profesorado conte cunhas instalacións axeitadas para facer o seu labor”.


O rexedor incide en que de cara ao curso que vén de comezar “vai manterse e incrementarse” a colaboración co centro de ensino para desenvolver distintas actividades, entre elas,  “coa aula CEMIT, outras relacionadas co Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, coa horta de conservación de froiteiras e cos servizos técnicos da área de Igualdade e Benestar social, que xa veñen mantendo unha relación moi estreita co centro desde hai anos”.


Secundino García apunta que a dirección do centro solicitou nunha xuntanza mantida antes do inicio do curso que o pavillón municipal puidese seguir utilizándose como espazo complementario para o lecer dos nenos e nenas de primaria nos días de choiva. “O Concello accedeu a esa petición, pero tamén lle solicitamos ao equipo directivo o seu apoio para demandarlle á Consellaría que asuma a limpeza dunhas instalacións que polas tardes empregan outros usuarios”, dixo.


Por outra banda, o alcalde quixo poñer en valor as obras de mellora da accesibilidade acometidas polo Concello para comunicar polo exterior o patio cuberto e o novo acceso ao pavillón. Un cambio que permitirá protexer das inclemencias atmosféricas ao alumnado nos momentos de entrar ou saír do centro. 

San Sadurniño investiu preto de 20.000 euros en traballos de mellora no colexio local

Te puede interesar