Os ponteses volven gozar da súa cita anual coa Feira de Fungos e Cogomelos

Os ponteses volven gozar da súa cita anual coa Feira de Fungos e Cogomelos
A feira de fungos e cogomelos das Pontes celébrase esta fin de semana I E.C.

Os ponteses e as pontesas volverán gozar esta fin de semana dunhas das citas ineludibles na vila como é a Feira de Fungos e Cogomelos, que cumpre nesta edición nada menos que 33 anos. Tres décadas nas que As Pontes rinde culto a este produto da terra que é ademáis todo un manxar moi recoñecido na alta cociña.

 

Un ano máis o Concello volveu fiar un completo programa ao amparo desta cita, que se celebra o sábado e o domingo na que, ao marxe das propostas puramente micolóxicas, se sucederán actividades gastronómicas e culturais.

 

A concelleira de Turismo, Elena López explicaba días atrás que “un ano máis queremos poñer en valor os produtos do noso monte e as súas potencialidades pero nesta ocasión desde a perspectiva das persas consumidoras e do emprendemento, centrándonos no seu aproveitamento gastronómico e no seu papel como motor económico e como elemento impulsor do turismo”, dixo.


Como é costume a celebración comezará o sábado, ás 08.00 horas, coa habitual saída micolóxica ao monte, que dirixirá o micólogo José Luis Cuba, quen amosará ás persoas asistentes os distintos hábitats así como os fungos e cogomelos que os habitan, recollendo exemplares que pola tarde se exporán na carpa instalada para tal fin na rúa Alexandre Bóveda.


Ás 13:00 horas procederase á apertura da zona “Mico gastronómica” instalada no patio do Colexio Santa María no que Autga Autóctonas elaborará diferentes tapas, hamburguesas e sobremesas a base de fungos e cogomelos. Xa en horario de tarde, ás 17:00 horas, será a quenda para o público infantil cun obradoiro de cociña da man de Antonio Díaz no que os máis pequenos da casa poderán achegarse dunha forma amena e divertida, ao mundo da cociña con fungos e cogomelos, aprendendo a preparar algúns dos seus pratos favoritos dun xeito diferente.

 

 

Concurso


A xornada do domingo comezará ás 09.00 horas, na carpa da rúa Alexandre Bóveda, coa recepción, ata ás 10.30 horas, das persoas participantes no tradicional concurso de cestas. O fallo do xurado coñecerase sobre as 12.00 horas e repartiranse cerca de 1.500 euros en premios. Un primeiro de 400 euros, un 2º de 200 euros, un 3º premio de 150 euros, un 4º premio de 100 euros e un 5º de 75 euros. Así mesmo, concederase un premio especial xuvenil valorado en 75 euros e outro de 400 euros para a cesta máis espectacular, xa sexa polo contido, a variedade ou a presentación.

 

 

Grande Amore, The Rapants y DeVacas

 

Non han faltar as propostas culturais e de ocio durante toda a fin de semana, como é costume na feira. Así, mañá a partir das 12.30 horas, a compañía Inventi Teatro, chegará ao parque municipal cun espectáculo de rúa onde o público coñecerá os efectivos produtos do Doutor Milagre, nunha obra que mistura teatro e cine para tratar sobre un crime sen resolver. A partir das 13:30 horas será momento para a música da man do grupo The Rapants.


A xornada do sábado rematará con dous concertos no patio do Colexio Santa María protagonizados por Grande Amore, ás 20.00 horas e Cariño, ás 21.15 horas. Xa na quenda do domingo, contra ás 12.30 horas no Parque Municipal, poderase gozar do espectáculo de rúa Bon Appetit de Teatro Ghazafelhos no que Antua de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem son tres Chefs van amosar ao público presente os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro, “A Cociña Galega”.


Xa ás 13.30 horas actuará o grupo DeVacas no mesmo lugar. A xornada cultural do domingo rematará ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi co monólogo “Tou Aquí” do actor e humorista galego Xosé Touriñán.

 

Outra das propostas alternativas aos cogomelos durante a fin de semana pontesa é unha nova edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) situado na Avenida da Coruña e que estará aberto mañá e o domingo en horario de mañá, desde ás 10.00 ás 14.30 horas e, en horario vespertino desde ás 16.30 horas ás 20.30 horas. Repartiranse 600 euros en premios, a través de tarxetas rasca, entre as persoas que realicen compras nos distintos establecementos participantes na campaña deste ano.


Ao marxe do MOVA, na rúa Alexandre Bóveda tamén estará operativo o mercado de produtos no que o público poderá adquirir fungos e cogomelos, produtos alimentarios de tempada e produtos de artesanía, entre outros. O mercado estará aberto na xornada de mañá ata as 20.00 horas e volverá abrir as súas portas o domingo, das 10 horas as 16 horas.
 

 

 

Os ponteses volven gozar da súa cita anual coa Feira de Fungos e Cogomelos

Te puede interesar