Pablo Moreda | “Creo que seguir apostando pola xente, por enriba do formigón, é algo moi importante”

Pablo Moreda | “Creo que seguir apostando pola xente, por enriba do formigón, é algo moi importante”
Pablo Moreda, alcalde de Cedeira I Cedida

Despois dos comicios do pasado 28 de maio, o socialista Pablo Diego Moreda Gil repite de novo na Alcaldía de Cedeira. No seu goberno estarán tamén edís do Bloque Nacionalista Galego, despois do recente acordo programático ao que chegaron ambas formacións. Abordamos co rexedor a situación do municipio.  

 

Despois de ser investido de novo alcalde, cal é a súa principal prioridade para a vila?
Seguir mantendo as nosas políticas progresistas, centradas na veciñanza e que a apoian por enriba de todo. Agora mesmo seguimos a traballar en proxectos iniciados no mandato anterior, como poden ser o benestar social dos nosos maiores, conseguindo que os servizos sociais sigan funcionando a pleno rendemento. Tamén levar a cabo proxectos tan importantes como o do novo centro de saúde, o plan de Urbanismo, o Pepri da zona vella, seguir coidando a nosa mocidade ou seguir cos nosos investimentos en cultura e deportes. 

Que balance fai dos anos que estivo ao frente do municipio? Dígame un acerto e un erro.
Penso que acertos pode haber moitísimos e erros tamén uns cantos. É complexo decidir cal é o mellor e o peor. Pero creo que un acerto moi grande foi achegar o Concello á veciñanza, á cultura, ao deporte... É dicir, á xente. A xente sabe que agora mesmo hai un alcalde co que se pode falar tódolos días: na rúa, na praia, dando un paseo en calquera sitio. Non hai que pedir unha cita como había que facer anteriormente para chegar a el. O Concello está traballando cunhas liñas básicas moi claras, baseadas nas necesidades de Cedeira. Por exemplo: tiñamos unha carencia moi grande na rede separativa. Levamos máis de dous millóns de euros de investimento nos últimos anos. Tamén outras cousas sinxelas como a calidade de auga na praia, que era insuficiente debido aos verquidos que había.Fixéronse inversións na depuradora e na estación de bombeo e agora temos unha calidade da auga excelente, que nos vale para o marisqueo, para o turismo e para moitas outras cousas. Creo que seguir apostando pola xente, por enriba do formigón,  é algo moi importante. Polo que respecta ás carencias, creo que tamén houbo cousas que puidemos facer moito mellor. Pero neste segundo mandato estivemos marcados polo que foi a crise da pandemia e tamén a da guerra de Ucrania. Hai que pensar que un concello como Cedeira, cun presuposto de seis millóns e medio de euros, destinou máis de 300.000 euros nun ano só a axudas ás persoas con máis necesidades. E iso ao final tamén inflúe.

 

É vostede un dos alcaldes que “resistiu” á baixada do PSOE nas comarcas. Outros colegas perderon as Alcaldías dos seus municipios. A que cree que se debe?
Eu creo que son moitas circunstancias as que influíron. Así como no 2019 nós tivemos un resultado moi bo, cunha onda enorme a favor despois de que Pedro Sánchez fora elixido presidente do Goberno, que nos deu moitos votos. Naquela tiñamos un tripartito que funcionara moi ben e onde seguramente foi un resultado un pouco inxusto para o BNG. Oito anos despois, no 2023, a verdade é que o resultado era o que eu esperaba no 2019 pero non agora, porque creo que fixemos un traballo moi bo, onde melloramos moito en todos os departamentos do Concello. Pero é certo que nesta ocasión a corrente foi en favor do BNG, que nos condicionou moito aos partidos, sobre todo ao PSOE. Pero ten tanto mérito o alcalde de Cedeira, que repite, como o de Cariño, Cerdido ou Ortigueira, que non o fan. Porque eu sei o moito que traballaron.


Rubricou nos últimos días un acordo  programático co BNG, que entra no seu goberno. En que se fundamenta?
Temos un programa que é moi semellante. Ao final, se pos as cousas enriba da mesa, máis do 95% das propostas son as mesmas. Chegamos a un acordo no que se vai respectar todo aquilo que se aprobou en pleno por maioría absoluta, simple ou incluso acordos entre as dúas forzas, que iso axudou tamén a facer cousas moi importantes. Cremos que fortalecer o goberno con máis xente é moi importante e que hai que facer caso ao que pide o pobo. O pobo votou e dixo que as forzas de esquerda suman nove concelleiros de trece. Nós gañamos as eleccións e iso nos impulsa a chegar a un acordo. A diferencia doutros concellos, aquí, a nivel persoal, temos moitos amigos en común e somos amigos do BNG. Confiamos neles, confiamos no seu traballo como eles confían na nosa capacidade e en min como alcalde. É un acordo ilusionante, importante e que seguramente se  repetirá en futuros mandatos.

 

O Xeoparque é un dinamizador cultural, social, económico, educativo... Vai moito máis alá do turismo

 

Cedeira é un dos municipios que forman parte do recentemente nomeado Xeoparque do Cabo Ortegal. Que vai supoñer isto para a vila? 
O Xeoparque é algo complexo. Temos como asignatura pendente, explicarlle á xente todo o que vai supoñer.  Vai ser un dinamizador cultural, social, económico,  educativo, deportivo... que vai alterar a nosa comarca. Non estamos só a falar de turismo ou de rochas. Estamos a falar dun modelo de vida que imos ter a partir de agora. Vai supor unha sinerxia positiva de sete concellos que van traballar arreo entre eles para chegar a acordos importantes. Creo que dentro de vinte anos, cando botemos a vista atrás, veremos dende onde empezamos e ata onde chegamos. Estamos moi orgullosos por telo alcanzado pero é un camiño no que estamos empezando e no que nos queda moito traballo por facer. Chegar é doado pero manterse é máis complicado.

 

No verán, a poboación medra moitísimo en Cedeira. Iso ten unha repercusión moi importante no eido económico de todos os sectores, mais como lle afecta ao Concello en canto aos servizos?
Estos primeiros días de xullo están sendo espectaculares. Recordo veráns moi bos pero este ano a hostalaría, o comercio, están a tope. Cedeira ten moita demanda en sectores como pode ser o hoteleiro e é algo no que imos traballar, así como no desenvolvemento de zonas para camping, bungalós e caravanas. Sabemos que o importante é o verán pero que temos que estirar o turismo para todo o ano, non só para que se concentre en tres meses. Neste aspecto o Xeoparque vai mudar a dinámica de todo isto. En Cedeira pódese desfrutar da paisaxe, da gastronomía e tamén doutros concellos fermosos que nos rodean.

 

Son moitos os que apuntan a un problema de falta de vivenda na vila, tamén relacionado coas vivendas turísticas. Como ve a situación?
Cando vin para Cedeira, hai máis de 20 anos, non había ningunha grúa naquel momento. Comezouse a facer vivenda turística, algo que xa se estaba a facer en Barreiros. Daquela se facían apartamentos máis pequenos, pensando un pouco no turismo. Cedeira o que tiña era que moitas das construcións eran feitas por armadores, que nese momento facían un edificio grande para as súas familias e hai moitos que están incluso sen rematar. Creo que regulación debe haber e sempre é complexo poder atopar vivenda. Teño unha filla que vai estudar en Santiago e non lle foi nada sinxelo atopar un piso. É un problema que estamos a ter en todos lados. 

Pablo Moreda | “Creo que seguir apostando pola xente, por enriba do formigón, é algo moi importante”

Te puede interesar