Tal e como informaba este Diario, esta semana coñecíase que as obras da piscina do Couto contarían cunha nova prórroga –a nova data de entrega será o 31 de maio–. Con esta xa son cinco as moratorias que se lle concederon á empresa Coto Estudos e Construcións S.L, adxudicataria do proxecto desde 2023 e cuxo prazo de execución estendíase ata o mes de abril de 2024.
Ante esta situación, os grupos da oposición –Bloque Nacionalista Galego, Partido Socialista e Partido Popular– puxéronse de acordo para mostrar o descontento que supón a incapacidade de finalizar estes traballos.
Neste sentido, as tres agrupacións cargan contra o executivo de Terra Galega, con Marián Ferreiro á cabeza, asegurando que non só se trata dunha cuestión veciñal, senón como comentou a nacionalista Olaia Ledo, “houbo unha comisión e non comentaron nada” ao resto de partidos. Neste sentido, sentencia que “ocultar o evidente non leva a ningún lugar” e é que a piscina tería que levar máis dun ano rematada”.
Os populares móstranse aínda máis críticos con esta cuestión. Aseguraba Germán Castrillón, portavoz do grupo, que esta problemática parece “el cuento de nunca acabar”, que na súa opinión denota “una vez más, y no será la última, que este gobierno no tiene planificación alguna”, sentenciou tallante, pero incidindo, ademais, que esta non é a mellor intervención que podería darse nesta zona e facendo alusión a posibles formas de financiamento. “Está claro que están equivocados con esta obra cuando lo ideal sería recuperar la zona de la ría allí en O Couto, ademas para esa recuperación se podrían conseguir fondos europeos”, explicou Castrillón.
Pola súa banda, desde a agrupación socialista, Jorge Ulla puxo de novo o foco no emprazamento, como xa o fixo na proclamación da cuarta moratoria. Asegura, desta maneira que “que xa vaiamos pola quinta prórroga desde setembro de 2023 para unha infraestrutura que o goberno local decidiu ubicar no Couto, cando o seu emprazamento natural e máis beneficioso para o conxunto dos veciños era Xuvia, é unha mostra palpable da errática xestión de Marián Ferreiro”.
Neste sentido, dende o PSdeG-PSOE “esiximos a rescisión do contrato de forma inmediata. Non podemos seguir dando oportunidades a unha empresa que claramente non está a cumprir cos seus compromisos”, sentenciou Ulla.
Por último, a portavoz do grupo nacionalista condenou a relación comunicativa cos habitantes do municipio, aseverando que “nos parece que unha vez máis mostran desleixo e desinformación á veciñanza de Narón”.