Música e moito máis no Castelo Folk

Música e moito máis no Castelo Folk
O festival terá lugar ao pé do castelo de Andrade, en Nogueirosa | D.A.

O alto da parroquia eumesa de Nogueirosa sobre o que se alza o castelo dos Andrade tornarase mañá en festa coa celebración da quinta edición do Castelo Folk, organizado pola ACRM Xente de Aquí e de Acolá e o Concello de Pontedeume. A fortaleza medieval será, de novo, o marco perfecto para unha intensa xornada de encontro coa música tradicional galega, aderezada de moitas outras animadas propostas.


O evento dará comezo ás 11.00 horas, para media hora máis tarde inaugurar a exposición de traballos de artesanía. Ás 12.30 horas celebrarase unha alborada polo campo a cargo do Grupo de Gaitas, así como unha sesión de xogos tradicionais.


Obradoiros

Logo do xantar campestre, ás catro da tarde darán comezo os obradoiros artesáns para nenos, xunto a xogos e contacontos. Chegarase así, a partir das 19.30 horas, ao inicio dos concertos, coa música tradicional como clara protagonista.


Cantareiras de Airiños do Eume; o grupo Pelepau –que fusiona percusión e voz con rimtos étnicos do mundo– e Carapaus configuran o cartel dun evento que de xeito previo a estas actuacións, concretamente ás 17.00 horas, incluirá unha foliada aberta á participación de todas as persoas interesadas.


Andaina

Tamén no marco deste festival terá lugar, xa pola mañá, a tradicional Andaina “Camiño Real” desde o pobo eumés ata o castelo. 


A saída está prevista para as 10.30 horas desde a Praza de Rosalía, no inicio do paseo marítimo, e as persoas interesadas en participar na ruta terán que inscribirse na Oficina de Turismo, a través do correo electrónico oficinaturismo@pontedeume.gal ou no teléfono 981 430 270. Tamén haberá, segundo indican desde o Concello, autobuses ata o V Castelo Folk, con horario de saída desde a marquesiña ás 14.00, 17.00 e 21.00 horas e con regreso desde a fortaleza dos Andrade ás 14.15, 17.15 e 21.15 horas. 

 

 

HOXE

Doutra banda, a Casa da Cultura eumesa acolle esta tarde, ás 19.00 horas, a presentación de “UVA”, unha colección de gravados do artista Xosé Poldras sobre o mundo do viño. O acto contará tamén coa intervención de Agustín Vilariño.

 

Tamén desde hoxe e ata o día 15 poderá ser visitada na Casa da Cultura a exposición do XIV Certame de Artesanía “Antonio Fraguas”, convocado pola Deputación da Coruña. Horario: de martes a domingo de 19.00 a 21.00 horas

 

 

Teatro afeccionado

A variada axenda cultural e de lecer desta semana en Pontedeume incluirá tamén mañá sábado a primeira das citas da novena edición do ciclo de teatro afeccionado “Pontedeume en obras”. Trátase da peza “A raíña sen trono”, dirixida a maiores de doce anos e prevista para as 20.00 horas no salón de actos do CPR San José La Grande Obra de Atocha. Na montaxe desenvólvense paralelamente dúas accións que comparten a temática da ingratitude filial. 

 

O programa, impulsado pola Asociación DameCuerdaQueTeatro xunto ao Concello eumés, ten como obxectivo avalar o compromiso coa escena teatral galega e o respaldo ao tecido cultural. Continuará ao longo do mes de xuño, con tres espectáculos máis. O día 10 actuará o grupo do barrio ferrolán de Canido, Opaí Teatro, coa súa montaxe “De marzo a marzo”, inspirada nos tráxicos sucesos acontecidos en Ferrol no 72. A asociación teatral Al Dente tomará o relevo o día 17 para poñer en escena “As cartas de Marta”, finalizando o cartel o día 24 coa representación teatral “Vaia idiotas” a cargo do grupo da entidade eumesa impulsora dunha iniciativa moi consolidada xa na oferta cultural do municipio. 

Música e moito máis no Castelo Folk

Te puede interesar