Mulleres Ártabras, referentes no mundo empresarial e tamén no asociacionismo

Mulleres Ártabras, referentes no mundo empresarial e tamén no asociacionismo
Un momento da xornada celebrada no auditorio municipal I CEDIDA

Mulleres Ártabras naceu a comezos de ano como asociación para reunir a empresarias de Narón e doutros concellos da comarca. Onte, no Día Internacional da Muller Emprendedora, celebraron as súas primeiras xornadas, no auditorio municipal. Obradoiros formativos no seu eido profesional (xestión do tempo, márketing dixital, desenvolvemento de habilitades emprendedoras) uníronse a outros de coidado da mente e do corpo e ao “café networking” para ofrecer unha completa experiencia.


E iso sen descoidar a conciliación, ofrecendo tamén actividades para os máis pequenos, como obradoiros de robótica, lettering, cociña ou fotografía.


“Sodes un exemplo no mundo empresarial e agora tamén no ámbito do asociacionismo, apostando por unha unión que, de seguro, vos fará máis fortes”, asegurou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na inauguración da xornada. A nova entidade contribúe, indicou a rexedora, a que Narón “continúe á vangarda do sector” e louvou a súa iniciativa. “Con persoas coma vós estou segura de que o futuro da muller no ámbito empresarial ten moito que aportar”.


A presidenta de Mulleres Ártabras, Marga Carballo, valorou a aportación do Concello de Narón e da súa alcaldesa, a quen consideran “unha muller ártabra: traballadora, loitadora, nai e comprometida co feminismo”. 


Nas xornadas presentáronse unha a unha as integrantes da asociación e as súas empresas. Pertencen a varios sectores produtivos e, aínda que na súa maioría teñen a súa sede social en Narón, proceden tamén doutros municipios da comarca.

Mulleres Ártabras, referentes no mundo empresarial e tamén no asociacionismo

Te puede interesar