Monicreques, música e teatro para o público infantil e xuvenil en Narón

Monicreques, música e teatro para o público infantil e xuvenil en Narón
Fantoches Baj abrirá o programa infantil o domingo 20 de setembro | e.c.

Coñecidos xa os espectáculos dirixidos ao público adulto nestes últimos meses do ano, o Padroado da Cultura de Narón avanzou onte a programación da que poderán gozar tanto o colectivo infantil como xuvenil.

Ata un total de dez propostas inclúense nun calendario que botará a andar o vindeiro 20 de setembro coa compañía Fantoches Baj e o seu espectáculo de monicreques “Os golfiños e o xigante”, unha fábula de superación con final feliz que foi “Premio Barriga Verde” en 2016.
A primeira das citas de outubro, a prevista para o día 4, terá como protagonista á música do mítico grupo The Beatles”, nunha función que, a través de contacontos e unha grande banda tributo, permitirá a público achegarse á banda recoñecida como a máis exitosa comercialmente e a máis encomiada pola crítica na historia da música popular.

Esta cita enmárcase no programa “Rock en familia” que ao domingo seguinte (11) estará dedicado, cun formato similiar, a Queen, calificado nunha enquisa da BBC de 2007 como “o mellor grupo británico de todos os tempos”.

Cenicienta siglo XXI
O teatro tomará o Pazo o día 18 coa representación da peza “Cenicienta siglo XXI”, da compañía Teatro de Malta. Seguiralle o 25 de outubro Viravolta Títeres, no seu caso para achegar ao público “Contos ao pé da cama”, dirixido aos máis pequenos e que combina distintas técnicas de manipulación.

Chegarase deste xeito ao mes de novembro, que xa para o día 1 ten previsto o espectáculo “Xurásico perdido”, a cargo da compañía Títeres Cachirulo. O arqueólogo Florentino Amechuino descobrirá un dinosaurio do xurásico moi peculiar.

O musical “Recuérdame: el tributo a Coco”, baseado na película protagonizada polo devandito personaxe, animará o Pazo o domingo 8, grazas á proposta desenvolvida pola compañía Vol music Events. O 15 chegará “Cocina”, unha proposta do grupo Teloncillo que terá entre os seus ingredientes poesía e música, partindo de poemas de importes autores e autoras.

Ghazafelhos
Ao domingo seguinte, o 22, subiranse ás táboas do Pazo o grupo naronés Ghazafelhos para poñer en escena a adaptación libre da obra de Carlo Collodi “Pinocchio”. O actor Pablo Patinho contará ao público a historia deste títere universal que agocha un segredo no seu corazón de bidueiro. Títeres, teatro actoral e música en director mestúranse nesta proposta escénica.

O colofón á programación para o público infantil e xuvenil deseñada para os catro últimos meses do ano chegará o 20 de decembro co “Cuento de Navidad” da compañía Kooxcenter SL, unha entrañable historia en formato musical para toda a familia.

Valoración
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, salientou a calidade dos espectáculos que de setembro e decembro terán como escenario o Pazo.

“Trátase dunha programación variada e de calidade, dirixida ao público infantil e xuvenil e con artistas de recoñecido prestixio e que constata un ano máis a firme aposta que o Concello de Narón realiza a través do Padroado da Cultura por esta área na nosa cidade”, comentou.

Nesta oferta cultural, tal e como se informou desde o Padroado da Cultura de Narón, colaboran a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Xacobeo 2021, a Rede Cultural da Deputación da Coruña e Redelae (Rede europea latinoamericana das artes escénicas).

Monicreques, música e teatro para o público infantil e xuvenil en Narón

Te puede interesar