Ferrolterra contará cunha nova alcaldesa en Fene logo da renuncia de Juventino Trigo

Será a primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy, “veciña de San Valentín e orgullosa muller do metal”
Ferrolterra contará cunha nova alcaldesa en Fene logo da renuncia de Juventino Trigo
A comparecencia de Trigo e Permuy estivo marcada pola presenza de múltiples compañeiros de partido e a emoción de ámbolos dous | Daniel Alexandre

Arroupado por moitos compañeiros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca –rexedores, deputados e concelleiros doutros municipios– compareceu este venres o alcalde de Fene, Juventino Trigo, para anunciar unha decisión “moi meditada e con responsabilidade”: a súa renuncia a Alcaldía. Dita determinación, aseverou, chega “por motivos persoais e de oportunidade política, pensando sempre no mellor para o noso concello.” Neste sentido, aseverou que “non foi fácil, ser alcalde do teu pobo é un dos maiores orgullos que alguén pode sentir, pero creo que a política debe ser un proxecto colectivo, vivo e dinámico, onde o relevo é necesario para seguir medrando”.

 

 

Así pois, a remuda virá agora da man da primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy, que se convertirá na alcaldesa accidental –ata a celebración da sesión de elección, no prazo máximo de dez días–, sumándose así a outras mulleres na primeira liña da política municipal como Beatriz Bascoy (Moeche, BNG), Ana María López (Cariño, PP) e Marián Ferreiro (Narón, TEGA).


Trigo aseverou tomar esta decisión  “con moita emoción, gratitude infinita e tamén con ilusión polo que está por vir”, calificando os seus mandatos –o BNG suma 40 anos de goberno en Fene en diferentes etapas–  de “anos intensos, nos que traballei cada día coa máxima entrega, ilusión e compromiso para mellorar a vida da nosa xente”.

Salón de plenos cheo na despedida de Juventino Trigo
Salón de plenos cheo na despedida de Juventino Trigo I Daniel Alexandre

O aínda rexedor fenés rememorou a primeira vez que se presentou á Alcaldía, aló polo 2011, “e xa van 14 anos. A verdade é que o tempo pasa voando”, incidiu, lembrando que “levo traballando desde os 14 anos e, ter a xubilación a un paso, a verdade é que é unha recompensa”, apuntou cun sorriso, facendo fincapé en que se trata dun “relevo planificado e sen sobresaltos, que é o mellor para Fene. Vai ser unha remuda na Alcaldía mais non no proxecto político nin nas ideas que nos moven: un concello comprometido coa lingua, á vangarda do impulso de iniciativas culturais, deportivas e sociais. Un concello dinámico que avanza en obras e que mellora a calidade de vida da veciñanza”.

 

Logros

Na súa intervención, cargada de emoción e que rematou cunha forte ovación de máis dun minuto de duración, repasou algúns dos fitos máis importantes dos seus equipos de goberno, declarando que “o máis bonito de ser alcalde é poder mirar aos ollos dos veciños e veciñas e sentir que compartimos un camiño, que avanzamos xuntos; que mesmo nos erros sempre houbo honestidade e ganas de mellorar”.


Así entre os logros alcanzados, enumerou a captación dunha subvención do IDAE de preto de 750.000 euros –a maior da historia do concello, incidiu– para a renovación do alumeado público e a rede semafórica, a posta en marcha do Punto Limpo de Vilar do Colo ou a aprobación dos orzamentos de máis de 16 millóns de euros.

 

“Honradez e constancia”

Trigo compareceu acompañado polo seu homólogo en San Sadurniño e responsable comarcal de política municipal, Secundino García, quen asevereou que para el e para a xente da súa xeración “Fene é máis que un concello, é un símbolo dentro dos municipios do BNG. Sempre foi un referente”. Sobre “Tino”, lembrou que recuperou a Alcaldía “despois dun lapso, nun momento difícil: sen maioría absulota e con varias mocións de censura. Estivo aí sempre, é un exemplo de honradez, de traballo e de constancia”.

Aperta de Secundino García e Juventino Trigo
Aperta de Secundino García e Juventino Trigo I Daniel Alexandre

 Asegurou, ademais, que “a altura de miras de Tino haina que valorar: dar un paso ao lado, na metade do mandato, é axudar a facer un tránsito que ás veces é difícil. Como el dixo, queda en moi boas mans o concello. Sandra é unha persoa nova, comprometida e que coñece a política local porque leva anos traballando no día a día, polo que coñece cales son as necesidades do municipio”.

 

Muller do metal

A futura alcaldesa, Sandra Permuy, tomou a palabra nervosa pero firme no seu discurso, asegurando que “no grupo municipal temos proxecto, temos equipo que o desenvolva e a forza e a ilusión para que Fene estea dirixido por unha rexedora nacionalista. Primeiro foi Xosé María Rivera e agora con Juventino Trigo, sumamos máis de 40 anos de goberno do BNG, que fixeron de Fene un Concello referente en moitos eidos, pero especialmente na cultura, no social, no deportivo e no educativo”, apuntou.

Sandra Permuy
Sandra Permuy na súa intervención I Daniel Alexandre

Permuy agradeceu o apoio da asamblea local do partido, “propoñendo como candidata a unha veciña de San Valentín, filla da reconversión e unha orgullosa muller do metal; unha oportunidade que moita mocidade de Fene non tivo por ter que marchar nos anos 90 do noso pobo. Como alcaldesa, seguirei a reclamar a construción naval civil. Esta é unha decisión política estratéxica. Depende de nós recordalo todos os días”, remarcou a aínda primeira tenente de alcalde, incidindo en que a localidade “foi un referente no naval, e pode voltar a selo nun contexto de concello moito máis desenvolto economicamente e con mellores servizos públicos e privados”. 

 

Na súa intervención incidiu tamén na súa aposta “polos nosos maiores, mellorando desde a súa atención, así como a mobilidade nas rúas” e rematou con palabras de agradecemento para Trigo: “por Fene e por Galiza, deséxoche o mellor do mundo. Ti sempre serás o meu alcalde”.

Ferrolterra contará cunha nova alcaldesa en Fene logo da renuncia de Juventino Trigo

Te puede interesar