Fene destina 176.000 euros ao tecido sociocultural e deportivo da vila

Fene destina 176.000 euros ao tecido sociocultural e deportivo da vila
Con cargo a fondos provinciais tamén se destinan liñas de axudas para as comisións para sufragar o pago das orquestras | a

O Concello de Fene destina 176.800 euros a colaborar co tecido sociocultural e deportivo do municipio. O alcalde da localidade, Juventino Trigo, xunto con representantes de varios colectivos da vila asinaron hai días os convenios nominativos para o financiamento de distintas actividades de carácter cultural, deportivo e social durante este ano. O importe total dos acordos ascende a 58.000 euros, que se engaden aos 105.800 que se distribuirán a través da convocatoria de concorrencia competitiva –cuxo prazo de presentación de instancias  rematou este mércores–, máis outros 13.000 da liña para axudar ás comisións de festas patronais cos custes de contratación de orquestras, como informan. 
 

As beneficiarias dos convenios suscritos recentemente –todos eles vinculados con citas ou actividades concretas– foron a AVV Magalofes, a AVV Limodre, o CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, a ACRD O Pote, o CPS San Valentín, a Liga de Amigos de Barallobre, as ANPAs de Centieiras e Os Casais, a Escudería Scratch e a Asociación de persoas voluntarias de Protección Civil de Fene, ademais de Os Centolos e a Asociación Felicia, que xa asinaran con anterioridade os seus respectivos acordos económicos. O importe global alcanza os 58.000 euros, dos cales 44.300 son para entidades culturais, 5.500 euros para as asociacións de nais e pais,  5.000 para entidades deportivas e 3.000 para a agrupación de Protección Civil.
 

Con estas achegas, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar o labor destas entidades na organización de eventos puntuais de especial relevancia e interese municipal, como a Festa do Poldro de Magalofes, a Festa da Ameixa, en Maniños, a do Langostino en San Valentín ou as festas gastronómicas da AVV Limodre, xunto coas Romarías do Pote e do Camiñante. Tamén se respalda a organización do Premio Pérez Parallé, a Xuntanza de Gaiteiros, o Felicia Pop e, no eido deportivo, o Slalom Fene. Por último, os convenios cofinancian o funcionamento dos comedores escolares dos colexios de Centieiras, en Perlío, e Os Casais, en Maniños, e o programa anual de voluntariado de Protección Civil de Fene.
 

De cara a colaborar na programación anual de actividades por parte das entidades, o Concello fenés tamén mantivo aberto ata hai uns días o prazo de presentación de solicitudes da liña en concorrencia competitiva, á que se destinan este ano 105.800 euros. 
 

Nos gastos subvencionables, segundo as bases, entrarían os derivados de actuacións culturais, obradoiros e outras propostas, os de participación en campionatos deportivos ou os necesarios para o normal funcionamento dos colectivos e das súas instalacións. A convocatoria tamén se dirixe á compra de bens correntes (consumibles de oficina, etc.), gastos de organización de escolas deportivas ou culturais, de festas e romarías e “todas aquelas actividades dirixidas á conservación, promoción ou divulgación das tradicións e valores culturais propios do Concello de Fene”, afirman.
 

Dos 105.800 euros consignados, 6.000 corresponden ás Anpas, cun tope de 1.500 por solicitud; 44.800 para asociacións culturais (12.000 euros como máximo) e os 55.000 restantes diríxense a entidades deportivas (até 15.000 euros de axuda). En todos os casos o financiamento municipal pode chegar ao 80% dos gastos detallados nas solicitudes.  
 

O consistorio tamén dedica 13.000 euros, con cargo a fondos provinciais, para colaborar coas comisións de festas.

Fene destina 176.000 euros ao tecido sociocultural e deportivo da vila

Te puede interesar