O Concello de Pontedeume construirá un novo aparcadoiro no CEIP Andrade

O Concello de Pontedeume construirá un novo aparcadoiro no CEIP Andrade
O orzamento ascende a 30.000 euros e as empresas teñen até o 3 de outubro para presentar as súas ofertas | Cedida

O Consistorio eumés construirá un novo aparcadoiro no CEIP Andrade, nunca parcela adquirida no anterior mandato. Dende o executivo local indican que as obras saíron a licitación este mesmo mes e que as empresas teñen até o vindeiro 3 de outubro para presentaren as súas ofertas. O orzamento para este proxecto ascende a 30.000 euros. 

 

“O goberno local continúa así impulsando melloras que repercuten nas instalacións educativas do municipio, que dependen non obstante da Xunta de Galicia. Neste sentido, o executivo recorda as múltiples reclamacións realizadas ao goberno autonómico para mellorar a educación pública na vila eumesa”, sosteñen dende o Concello.


 

Reclamacións

En relación a isto, o executivo aprobou en pleno no mes de xullo unha moción para instar á Xunta, entre outras medidas, a facilitar os medios “materiais e persoais” para garantir unha educación “de calidade”. Tamén demandou a recuperación do sistema de gratuidade dos libros de texto; a publicidade do destino dos fondos europeos e estatais destinados á educación; garantir a calidade do transporte escolar; e manter ao profesorado das escolas rurais.

 

Ademais, o executivo eumés instou ao goberno galego a realizar investimentos nos centros da vila e a revisar as deficiencias no transporte público, especialmente no IES Breamo.

 

Por último, a concelleira de Ensino, Alejandra Bellón, apoiou a demanda do CEIP Andrade de reverter a supresión dunha aula no colexio –despois de que a Consellería decidise xuntar as aulas de 5º e 6º de Educación Infantil–.

O Concello de Pontedeume construirá un novo aparcadoiro no CEIP Andrade

Te puede interesar