O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o bisbo diocesán, Fernando García Cadiñanos, mantiveron unha reunión o pasado venres na que se abordaron, como explicou o rexedor cedeirés, “varias cuestións de interese mutuo” na que foi a primeira toma de contacto na que se estableceu unha vontade mútua de colaboración.
Desta forma, puxéronse enriba da mesa temáticas como o plan de dinamización de Santo André de Teixido –proposta que vén por parte da Diócese e que contou con representación propia no encontro grazas á presenza do cura da parroquia, Antón Rúa– ou a intención de compra para o uso dos veciños e veciñas do municipio, por parte do goberno de Moreda Gil, da parte rústica da parcela catastral da Reitoral de San Román.
Dende a Alcaldía explicaron que, ademais, se busca a promoción da segregación da zona que se pretende adquirir, “deixando para a Diócese a urbana, dado o proveito que tería para a veciñanza o seu uso como un espazo para o desenvolvemento de actividades deportivas e lúdicas”, asegurou Moreda Gil.
Neste senso, o rexedor avanzou que a proposta “tivo unha boa acollida” por parte de García Cadiñanos, cuestión que tamén se repetiu coa proposta diocesana, xa que a dinamización do espacio suporía o impulso dun lugar “de grande interese turístico para Cedeira”, explicaron dende o goberno local.
Así mesmo, durante a reunión tamén se falou das futuras posibilidades para que a veciñanza da parroquia de Régoa continúe coa realización de actividades culturais e lúdicas no adro da igrexa, cuestión que podería asegurarse a través da adquisición do espazo por parte do Consistorio.