As vantaxes da compostaxe doméstica chegarán aos veciños de Ares da man do Concello

As vantaxes da compostaxe doméstica chegarán aos veciños de Ares da man do Concello
Prevese reducir en 2,19 as toneladas de gases de efecto invernadoiro ao ano | Cedida

Compostar nos fogares leva aparelladas múltiples vantaxes, como a redución dos desprazamentos aos colectores e o peche do ciclo da materia orgánica –o percorrido que realizan os elementos químicos a a través da atmósfera, a biosfera, a hidrosfera e a xeosfera–. O Concello de Ares, como outros das comarcas, é coñecedor destes beneficios, polo que ten pensado implementar un programa entre os seus veciños e veciñas para transformar os residuos de alimentos en compost, “un recurso valioso para a agricultura e a ecoloxía”, indican dende o executivo local.


Así pois, o Consistorio invertirá neste proxecto 31.994 euros para as anualidades de 2023 e 2024, unha cantidade sufragada polo propio goberno local e polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea –Fondos Next Generation–.

 

Vivendas rurais

Na fase inicial desta iniciativa instalaranse 44 composteiros individuais en vivendas rurais que conten con parcelas de, polo menos, 25 metros cadrados. Ademais, para aquelas urbanizacións sen espazo suficiente construiranse dúas áreas de compostaxe comunitaria, coa intención de expandir o programa e chegar, aproximadamente, ao 30% das vivendas rurais, o que se traduciría, indican dende o executivo aresano, en 210 composteiros.


“Este proxecto involucra á comunidade local na xestión sostible de residuos e contribúe á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático”, explica a responsable de Medio Ambiente, Lucía Blanco.


A edila detallou que o proceso de solicitude para os composteiros individuais abrirase próximamente mediante unha convocatoria pública, dándolle prioridade a aquelas vivendas que estén illadas con parcelas de, polo menos, 25 metros cadrados.

 

Educación

Ademais da compostaxe en si, o programa inclúe un compoñente educativo, cun total de 88 accións de formación individuais planificadas, seis colectivas e material didáctico complementario.


“Espérase que aproximadamente o 92% dos composteiros produzan compost nuns cinco meses trala súa instalación”, apuntan dende o Concello, que recorda que a iniciativa contribúe, así mesmo, á redución de gases de efecto invernadoiro. “2,19 toneladas ao ano en Ares”. 

As vantaxes da compostaxe doméstica chegarán aos veciños de Ares da man do Concello

Te puede interesar