Aberto o prazo da primeira ruta do “SendAres 2023” polo rural galego

Aberto o prazo da primeira ruta do “SendAres 2023” polo rural galego
Na edición do ano pasado do “SendAres” cubríronse practicamente todas as prazas das rutas promovidas | aec

A Concellería de Deportes de Ares ofrece un ano máis o programa de sendeirismo “SendAres”, que pon a disposición oito itineraros por espazos naturais galegos que teñen como obxectivo coñecer a comunidade dende a práctica deportiva. A inscrición para realizar o primeiro percorrido, que será polos arredores do río Belelle, abriuse o xoves, coincidindo co acto de presentación.


O proxecto trata de relacionar o deporte e a exploración do medio rural galego a través de oito rutas principais, co propósito de coñecer a contorna dende unha percepción activa. As andainas repártense en unha por mes, durante este outono e até a primavera do ano seguinte.


Tras o éxito do ano pasado, a concelleira de Deportes, Noelia Montero, afirmou durante a presentación que ofertan “un programa de sendeirismo asequible economicamente e con diferentes niveis de esixencia física”. En relación a isto, todos os itinerarios parten dun prezo fixo de 15 euros por persoa, agás o último,  que aínda non ten un custe determinado. Non obstante, xa se sabe que a cifra será superior, xa que implica dúas xornadas de sendeirismo e pernoctación, ademais dos transportes, seguros e servizo de guía.


Así pois, o primeiro percorrido está previsto para o 23 de outubro polo río Belelle; o 13 de novembro é o turno dos muíños de Esmelle e o mirador de Pedrouzo; a costa de Dexo, o 18 de decembro; a contorna de Doniños-Prior, o 15 de xaneiro; o Eume e Eirís, o 19 de febreiro; Meirás e a praia de Ponzos, o 12 de marzo; os cantís de Cedeira, o 16 de abril; e finalmente, o 20 e 21 de maio, Fonsagrada-O Cádavo-Lugo, unha ruta que constitúe  dúas etapas do Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.


A primeira ruta é circular polo río Belelle, coñecido pola súa fervenza e as súas augas. Os sendeiristas que se animen a participar poderán observar o famoso salto de auga dende diferentes  lugares, ademais da variedade de vexetación presente. Trátase dun camiño tranquilo de 12 quilómetros, cualificado de dificultade media. Está previsto que o bus saia ás 8.00 horas e regrese ás 14.00, establecendo como punto de encontro a Praza da Igrexa de Ares.


Inscricións


Cada ruta contará coa súa inscrición individual, que se rexe polos prazos establecidos pola área de Deportes para cada mes. O proceso para formalizar a solicitude de participación será integramente telemático a través da web do Concello, www.concellodeares.com, onde haberá que premer no apartado dedicado ao “SendAres 2023”, que proporciona unha folla para cubrir co nome, apelidos, correo electrónico, data de nacemento e teléfono de contacto do interesado.


O prazo para realizar a andaina polo río Belelle está aberto e pecharase o día 9 de outubro ás 15.00 horas. Neste caso hai 25 prazas asignadas que, en todos os percorridos, cubriranse por orde de rexistro e elaborarase unha lista de participantes e outra de garda, que se empregaría se se producirsen baixas. 

Aberto o prazo da primeira ruta do “SendAres 2023” polo rural galego

Te puede interesar