“O carteiro de Ximaraos” é o título que gañou o premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil do ano pasado, que asina o autor cedeirés Carlos Labraña, así como da estrea que terá lugar este mesmo xoves, ás 18.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A peza, que aborda o impacto emocional do alzhéimer nas familias e a conexión entre memoria e correo postal, lévase a escena baixo a dirección de Susana Villaverde, compartindo dramaturxia con Ezequiel Rodríguez, con música composta por Xosé Lois Romero.
Un dos trazos diferenciais da obra de Labraña é a mestura maxistral entre realidade e fantasía para tratar dous temas de trascendencia social, por medio da relación entre Xoán e o seu avó, que fora carteiro da vila de Ximaraos e cuxa memoria vai empeorando. Para coidalo, con el vai vivir este pequeno, ademais da súa nai, quen descubrirá que non todo o que di son contos ao xurdir unha ambiciosa misión. A través desta conexión interxeracional, a peza reflexiona sobre como as historias, as memorias compartidas e os pequenos rituais familiares poden loitar contra o esquecemento.
A primeira compañía de teatro de obxectos de Galicia, nacida en 1979, Os Monicreques de Kukas coproduce esta obra co Centro Dramático Galego, que se representa dende onte, cun pase de preestrea para escolares, até mañá, sempre á mesma hora. As entradas pódense adquirir na web de Ataquilla ou na billeteira do teatro, dende as 16.30.
Os bonecos de Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rey interpretan a historia, quen tamén son responsables xunto a Amelia Poyato do deseño e indumentaria dos monicreques. Maite Dubois ocupouse da escenografía e audiovisuais, mentres que Xosé Lois Romero compuxo a música e Noemi Pardo, que tamén colabora nas voces gravadas, crea o espazo sonoro.
Os responsables da posta en escena, coa coordinación do CDG, é o equipo artístico gañador do Xuventude Crea 2024 na modalidade de teatro, do que forman parte Susana Villaverde e Ezequiel Rodríguez.