O Jofre acolleu onte a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024, un evento no que se recoñeceu a traxectoria e contribución de Joaquín Martínez (música), Ficción Producións (audiovisual), Xosé Manuel González (patrimonio cultural), Real Club Celta de Vigo (proxección exterior), Manuel Lourenzo (letras), Marta Pazos (artes escénicas) e dos dous representantes “anfitrións”, o eumés Xosé María Pérez Barro, Pepe Barro (artes visuais), e a ferrolá Xulia Díaz Sixto (lingua). Foi, sen dúbida, unha homenaxe merecida para todas e todos eles, responsables, en cadansúa parcela, de engrandecer a cultura galega. Moitas veces falamos en abstracto da importancia e das achegas que fan as persoas, que ás veces teñen que realizar un esforzo individual tremendo para poder sacar adiante os seus proxectos. Por iso está ben e é de xustiza, aínda que non o fagamos sempre, pórlles nomes e apelidos. Meréceno, por suposto.