O Centro Instrutivo, Recreativo e Social –CIRS– de Cervás acolle nesta tarde de sábado, a partir das 20.00 horas, a proxección do documental de Vera Varela “Mugardos, lugar dos... silencios”. Esta peza cinematográfica visibiliza unha historia extendida entre toda a poboación, aínda que non se expresara a viva voz, contada agora desde a perspectiva de dúas protagonistas: Loli Vázquez Anido e Pilar Iglesias.
Este documental estreouse o pasado mes de maio no concello de Mugardos, nun local que estivo tan ateigado de xente que as cadeiras non foron suficientes para todos, e incluso houbo persoas que quedaron fóra. Así pois, dende o CIRS de Cervás organizan este novo pase no municipio veciño para dar cabida a todo o público interesado na memoria histórica da comarca.
En Ferrolterra, a sublevación militar do 1936 resolveuse en dez días, desencadeando nunha represión brutal e indiscriminada contra a poboación que se prolongou por décadas, afectando a todos os sectores sociais. Persecucións, asaltos ás casas, torturas, encarceramentos arbitriarios... Trátase dunha infinidade de accións que estiveron cubertas polo silencio, e que este documental destapa a través dos testemuños en primeira persoa de dúas mulleres que sufriron a represión de preto.