O particular éxito do ano pasado nalgunhas das citas dos “Días de mar” motiva que este ano a gastronomía tradicional, con sabor a sal, sexa o centro desta edición, que comezou onte superándose con respecto a 2024 na sede da organización: a Agrupación Instrutiva de Caamouco. A proposta, que trata de ir levantando o ánimo de cara á XIX Festa da Cabria no porto de Redes, continuará coa presentación de “Nao Cetácea”, unha obra do mariñeiro, patrón de pesca, poeta e artista plástico Xosé Iglesias Lamela.
Na mañá de onte, a iniciativa inaugurouse cun encontro divulgativo en forma de showcooking, o segundo que se celebra neste marco, no que a participación aumentou de 14 a 25 inscritos. Entre eles atopábanse, tal como apunta o presidente da Agrupación, Dani García, visitantes da zona procedentes de Londres e Texas, amais de veciños e veciñas como o propio José Luis Pereira, cociñeiro que se ocupou, desinteresadamente, de guiar a actividade.
O profesional explica que se deron a coñecer receitas, en distintas formas, típicas dos territorios entre Neda e Cedeira, de “empanadas abertas ou de sacho, que lle chaman nalgunhas zonas”, a base de congro, raia e bonito. Estas elaboráronse con produto da peixería Mares de Ares, amais das conservas de Cariño La Pureza, e cocéronse tradicionalmente, no Forno de Cotos, en Redes.
Ademais de catar estas delicias, pola tarde ofreceuse unha mexillonada con Pementos do Couto, que tampouco deu lugar á envexa. A seguinte cita terá lugar o sábado, véspera da Cabria, ás 20.00. O público achegarase a “Nao cetácea”, que inclúe máis de 60 acuarelas de Francisco Fernández Naval e Manolo Rivas. Estas acompañan a textos e poemas de Iglesias, que xa visitara a Agrupación no 2023 e 2024 nas súas facetas de artista plástico e poeta, respectivamente.