O Camiño Inglés recuperouse da crise do coronavirus, mellorou maioritariamente os datos do ano pasado e a partir de setembro chegou incluso a superar o número de peregrinos que se rexistraran en 2019, o último previo á pandemia. Porén, a situación sanitaria aínda vai lastrar o resultado dun 2021 que estaba chamado a ser histórico, por ser Ano Santo. A prolongación por parte do Vaticano desta celebración tamén durante o 2022 cambiou a planificación e estes meses convertéronse nunha preparación para o ano próximo, que se prevé, este si, que poida rachar con todas as estatísticas anteriores.
A análise dos datos de novembro sitúan a Ferrol como o terceiro punto de partida preferido para facer o Camiño de Santiago. Estes son datos que recompila a Oficina do Peregrino, dependente da Catedral, a onde se dirixen os camiñantes para recoller as súas credenciais.
A cidade naval foi a saída escollida por 629 persoas, fronte a oito que fixeron o Camiño Inglés o ano pasado e a 316 que o percorreran no novembro de 2019. Agora son 313 persoas máis que entón.
Por diante de Ferrol están Sarria, con 2.055 persoas que botaron a andar desde alí, e Saint-Jean-Pied-de-Port, que tivo 877 peregrinos. Xusto por detrás sitúanse Oporto, con 617 peregrinos, e Tui, con 544.
O Camiño Inglés inclúe tamén a saída desde A Coruña, moito menos concorrida. En total, sumando as dúas cidades, empregaron esta vía para chegar a Compostela 685 persoas, mentres que en 2020 foron oito e no 2019, 319, o que supón unha diferencia de 366 peregrinos.
Os números comezaron a superar as cifras previas á pandemia en setembro, pero a situación nos meses anteriores de 2021 foi ben distinta, sobre todo a principios de ano. De feito, en febreiro, en plena explosión da peor onda de covid que viviu Galicia ata o de agora, non houbo ningún peregrino, e en xaneiro, só cinco. A partir de marzo comezou unha paulatina recuperación de peregrinos e o 2020 quedou amplamente superado. Entón, nos doce meses foron 2.831 camiñantes os que empregaron a ruta que atravesa as comarcas de Ferrol e o Eume. Ese dato quedou xa neste 2021 moi atrás, xa que, sen contar o que poida sumar decembro (e o movemento nos albergues non cesou) van xa 10.391 persoas. Faltarían, porén case 5.000 visitantes para poder alcanzar as cifras totais de 2019, cando se batiu un récord con 15.099 turistas que partían desde Ferrol.
Neste 2021 os meses con máis presenza de peregrinos nos camiños foron os de verán. En agosto rozáronse os 3.000 (2.959 segundo a Oficina do Peregrino) e en xullo, setembro e outubro superouse o milleiro, con 2.101, 1.996 e 1.568 camiñantes, respectivamente. Son datos que potencian as posibilidades turísticas dun roteiro en alza.