Anatomía Patolóxica incorpora unha técnica para o diagnóstico de cancro

Anatomía Patolóxica incorpora unha técnica para o diagnóstico de cancro
O traballo do laboratorio céntrase no diagnóstico de patoloxías, tumorais ou non, a partir do estudo de células e de tecidos | jorge meis

O laboratorio de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalari Universitario de Ferrol vén de incorporar á súa carteira de servizos o estudo da amplificación do xen HER2 mediante hibridación in situ. Trátase dun dos procesos que segue este servizo para a diagnose e o adecuado tratamento de diferentes tipos de cancro, un eido no que están a sumar novas técnicas diagnósticas de crucial importancia, como é o caso.

Anatomía Patolóxica é un servizo a disposición de toda a área sanitaria (hospitais e centros de saúde) e o seu labor céntrase fundamentalmente no diagnóstico de patoloxías, tumorais e non tumorais, a partir do estudo de células e tecidos. Ademais, leva a cabo un papel fundamental no estudo de biomarcadores clave na elección de terapias oncolóxicas personalizadas para cada tipo de paciente. Das determinacións neste ámbito, e dun axeitado diagnóstico, depende administrar un tratamento axustado á evidencia científica. O seu papel é clave na elección de terapias dirixidas fronte as coñecidas como dianas terapéuticas.




Unidade docente


No laboratorio de Anatomía Patolóxica do CHUF traballan un total de 23 profesionais, entre facultativos, técnicos superiores en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, supervisora de Enfermaría, auxiliares administrativos e persoal auxiliar. Cada ano, realizan o estudo dunhas 20.000 mostras de biopstias e dunhas 11.000 citoloxías. Ademais, neste 2021 fixeron máis de 35 estudos autópsicos.

Outra novidade dos últimos meses é a súa acreditación, no verán, como unidade docente, o que implica que, a partir de 2022, poderá acoller a médicos residentes en formación. “A acreditación MIR é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial en tanto que esixe manter criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais”, indican desde a Área Sanitaria.

Nesta liña de mellora continua traballan tamén no proceso de implementación dun sistema de xestión da calidade acorde a normas ISO.



Primeiro traslado


O de Anatomía Patolóxica foi ademais o primeiro laboratorio que se trasladou ao Naval –neste caso de forma definitiva– como paso previo para comezar as obras do Plan Director, en outubro de 2018. Pasaron de ter unha superficie de 250 metros cadrados a máis que triplicar o espazo, ata os 850 metros cadrados útiles. “Esta obra supuxo unha mellora considerable na distribución e nas condicións laborais dos e das profesionais, con especial coidado dos aspectos relativos á seguridade no traballo”, explican fontes sanitarias.

Ademais, adquiriuse novo equipamento e renovouse parte do antigo. Así, incorporáronse dúas mesas de tallado con sistema de aspiración autónoma, un segundo tinguidor-montador automatizado e un procesador de tecidos de última xeración capaz de acurtar tempos e facilitar os fluxos de traballo. 

Anatomía Patolóxica incorpora unha técnica para o diagnóstico de cancro

Te puede interesar