Narón adxudica as obras da senda peonil e ciclista de Xuvia e Freixeiro

Narón adxudica as obras da senda peonil e ciclista de Xuvia e Freixeiro
Marián Ferreiro examina o trazado da nova senda peonil e ciclista | cedida

O Concello naronés adxudicou á empresa Xestión Ambiental de Contratas SL os traballos de construción dunha senda peonil para enlazar os paseos de Freixeiro e Xuvia. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, indicou que se trata dunha actuación que suporá un investimento que ronda os 580.000 euros e que permitirá, tal e como figura no proxecto, recuperar solo urbano para usos públicos amables co medio ambiente: apertura urbana e disfrute do entorno da ría.

A maiores, informan desde o Concello, tamén se adxudicaron a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde, por unha partida que en conxunto ronda os 21.000 euros. Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Os traballos do proxecto acometeranse en dúas fases, estando actualmente adxudicada a primeira, entre a avenida Conde de Fenosa (camiño da Veiga) e o muíño de As Aceas. Este será o tramo, tal e como indicou a alcaldesa, que se cofinanciará con cargo a fondos europeos e por onde se comezarán a executar os traballos previstos nunha data aínda por determinar por parte da compañía adxudicataria. “Este primeiro tramo ten unha superficie duns 22.000 metros cadrados, nos que se habilitarán uns 1.200 lineais de senda peonil e ciclista que discurrirá paralela ao río Freixeiro”, explicou Ferreiro. Así mesmo, indicou que nese tramo se habilitará tamén unha área de recreo de 15.500 metros cadrados aproximadamente e tamén se instalará mobiliario urbán: bancos, papeleiras e mesas.

A rexedora local recordou que a segunda fase deste proxecto, en fase de licitación, se corresponde co tramo comprendido entre a rúa Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa e cuxo investimento rondará os 500.000 euros. “Neste caso os traballos permitirán acondicionar nunha área de 22.000 metros cadrados, un milleiro de metros de senda, co seu correspondente mobiliario urbano e cunha área estancial duns 5.000 metros cadrados”, avanzou.

En canto á intervención a alcaldesa de Narón destacou o feito de que a senda terá un ancho de catro metros e pavimentarase con firme natural, acorde co entorno no que está proxectada. “Dende o goberno local continuamos poñendo en valor o patrimonio histórico e natural da cidade, recuperando un tramo de gran superficie nas inmediacións do río Freixeiro que permitirá crear un gran pulmón verde no centro da cidade para percorrer a pé ou ben en bicicleta o tramo comprendido entre os paseos de Freixeiro e Xuvia”, subliñou Marián Ferreiro. 

Narón adxudica as obras da senda peonil e ciclista de Xuvia e Freixeiro

Te puede interesar