Como galegos de hoxe

A TVG está a poñer de actualidade o consabido conxuro de “Vivamos como Galegos”. Coido que a frase debería especificar un pouco máis, porque, malfadadamente, non todos os galegos viven do mesmo xeito e, xa que logo, habería que dicilo así: “vivamos como os galegos que viven ben”, porque supoño que ninguén dubidará de que haxa galegos que o están a pasar bastante mal e, sigo a supoñer, que ninguén querería vivir coma eles. O anuncio está moi ben feito e é moi alegre e xuvenil, mais coido que está a presentar un aspecto pouco real do que son os nosos xoves, porque non son todos, nin a maioría, os que só pensan en celebracións, festas e “francachelas”. Hai que saber estar á altura dos tempos e das circunstancias, e agora mesmo, vivir como galego significaría ser consecuente coas dificultades coas que están a loitar miles de galegos e respectar as indicacións das autoridades sanitarias. Isto non quer dicir que haxa que poñerse de loito e chorar a moco rachado, pero si que podemos temperar un pouco as nosas ansias de diversión e de pasalo ben, porque si o facemos os vellos, mellor poderá facelo “a rapazada”, que aínda ten moito tempo de xoldra “pola proa”. É dicir, vivamos como galegos, si, pero con moito sentidiño. Non é?

Como galegos de hoxe

Te puede interesar