O Plan de Infraestruturas inclúe dous centros de saúde novos en Ferrol e Fene

O Plan de Infraestruturas inclúe dous centros de saúde novos en Ferrol e Fene
Visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao centro de saúde de Narón, o pasado verán | daniel alexandre

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia contempla a creación de dous novos centros de saúde, un en Fene e outro en Ferrol, no barrio de San Xoán, para o que xa se lles solicitou aos consistorios a cesión de solo. Tamén se inclúe a reforma e ampliación do de Cedeira, que suporá a duplicación da súa superficie actual e permitirá gañar novos espacios para mellorar os servizos que se ofrecen.

Estes proxectos están incluídos en distintas fases do cronograma, segundo o estado da súa tramitación –a de Cedeira está máis avanzada–, e súmanse a unha serie de inversións que deron o seu froito coa renovación ou creación de novas instalacións nos últimos cinco anos. Segundo recordan desde o Sergas, neste lustro incorporáronse para o emprego da poboación da Área Sanitaria de Ferrol un total de catro centros totalmente novos: o das Somozas, en 2016; o da Capela, en 2017; o de Ares, en 2018; e o de Narón, no que se seguiu traballando durante a pandemia e que se puxo a disposición da veciñanza neste mes de xullo. Ademais, fixéronse obras de mellora e ampliación de magnitude en Cedeira, Cabanas, Mugardos, As Pontes e Valdoviño. Todo supón máis de dez millóns de euros nos últimos cinco anos, só nestas grandes intervencións.



Valdoviño


Adxudicada está xa a obra que se levará adiante no centro de saúde de Valdoviño, por un importe de 250.000 euros, e que principiará nos próximos meses. Neste caso, como figura no convenio asinado co Concello, as obras previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminaranse todos os materiais soltos ou mal adheridos e colocaranse viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica, boa estanquidade e vidros de seguridade no andar baixo. 



O novo ambulatorio de Narón incrementa nun 60% a superficie do anterior e entrou en servizo este verán 



Ademais, incluíuse a construción dunha nova cuberta no acceso, procurando unha mellor resposta ás inclemencias do tempo, e mellorarase o acceso de emerxencia, adaptándoo para persoas con mobilidade reducida.

O informe das obras realizadas no Plan de Infraestruturas ao longo deste 2021 reserva tamén un oco para o centro de saúde das Pontes, unha actuación acometida no primeiro semestre do ano e que consistiu na mellora da envolvente térmica e instalación da climatización e iluminación. Colocáronse un sistema de illamento exterior a base de poliestireno e as cubertas, ademais de substituírense as carpinterías de aluminio. Superáronse os 778.000 euros de investimento.



Narón


A grande obra inaugurada este ano foi o centro de saúde de Narón, cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 5.535.985 euros, incluíndo a unidade de radioloxía. Sitúase nunha parcela de 6.142 metros cadrados, cedida polo Concello ó Sergas. Así, a nova infraestrutura sanitaria ten unha superficie construída de 4.312 metros cadrados, o que supón un incremento de preto de 1.800 respecto do anterior, que será cedido ao Concello para usos sociais.

O novo centro de saúde permite ofrecer unha atención reforzada e ampliada con 15 consultas de medicina xeral, 14 de enfermería, dúas de farmacia, unha de odontoloxía, unha de hixienista dental, unha sala de docencia, un espazo para a toma de mostras, dúas salas técnicas e catro polivalentes.

A área pediátrica, pola súa parte, conta con catro consultas ordinarias e tres de enfermaría; mentres que a de muller dispón dunha consulta de matronas, unha sala de educación sanitaria e unha consulta de programa da muller. No que respecta ás urxencias, a zona intégrana tres consultas de medicina e outras tantas de enfermaría, así como seis espazos de dormitorios e unha sala de reanimación.

O centro de saúde de Narón conta tamén coas áreas de Administración, Fisioterapia e Radioloxía. Este último servizo comezou a funcionar no mes de outubro.



Mugardos


Tamén destacan no balance de infraestruturas os traballos levados a cabo no centro de saúde de Mugardos, cun orzamento de máis de 285.000 euros. As obras consisten na substitución da carpintería exterior por unha con rotura de ponte térmica e novo acristalamento, baixo emisivo e con control solar nas fachadas sur e este, e baixo emisivo nas fachadas norte e oeste. Ademais, levouse a cabo a mellora térmica da fachada dispoñendo dun sistema de illamento térmico no exterior tipo SATE.

As obras realizadas contemplan tamén a substitución da cuberta do edificio, formada por placas de fibrocemento en mal estado de conservación, por unha cuberta inclinada cun acabado de lousas illantes. Na planta baixa, substituíronse as luminarias existentes de baixa frecuencia por luminarias LED e levouse a cabo o pintado de todo o interior do centro. O proxecto tamén incluíu a redistribución da zona de acceso e do mostrador da administración.




Climatizacións e arranxos


Outras intervencións menores leváronse adiante en localidades como Monfero (pintado exterior e interior, limpeza das fachadas de pedra, substitución da fontanería e reparación de falsos teitos); A Capela (instalación de porta automática); Caranza (reparación de solado e de pavimento); Cedeira (creación de almacén e melloras na consulta da matrona, que se climatizou); Cerdido (pintado interior); Ortigueira (climatización das consultas da matrona, pediatría e cuartos médicos de garda); e Pontedeume (creación dun novo almacén, doutra consulta no Punto de Atención Continuada e de dous cuartos para médicos de garda).

Tamén se fixeron obras no Fontenla Maristany, en Ferrol, coa adecuación dun local de fisioterapia, a renovación do aire na sala de espera do PAC e o cambio das portas de acceso. Xunto con isto, adecuouse unha sala de respiratorio para pediatría e creáronse catro consultas, dúas para medicina e dúas para enfermaría. 

O Plan de Infraestruturas inclúe dous centros de saúde novos en Ferrol e Fene

Te puede interesar