Debates fundamentais

Aínda que o Governo aprobe os orzamentos, xa que o bloque soberanista non ten outra opción que apoiar a Sánchez, dado a acritude tan belixerante do PP respecto da cuestión nacional (malia que varias autonomías son recoñecidas como nacionalidades históricas) e ademais fai acenos a estrema dereita franquista, o certo é que o resto da lexislatura non se presenta nada doada. É verdade que a taxa de emprego é positiva, mais moi ligada á contratación pública; e que o PIB medra a valores nunca vistos nas últimas décadas, ao que axuda flexibilidade monetaria, mais non se pode obviar que é como consecuencia dunha caída histórica da economía causada pola pandemia, polo que o repunte era esperado en valores máis altos. Ademais, todo reflicte que ficamos diante dunha nova onda da pandemia, é verdade que con menor número de persoas mortas, polo efecto da vacina, porén iso non evita unha caída da mobilidade e da actividade económica ligada a ela.


Esta nova onda adiará a recuperación da economía. Mais, hai outros síntomas negativos, aos que a pandemia deu folgos, que non se poden ignorar porque caracterizan á globalización neoliberal, á economía de escala. Refírome concretamente aos atrancos no transporte de mercadorías por vía marítima (que son a inmensa maioría), á falta de determinados produtos básicos e intermedios, nos que incide a situación da pandemia en determinados países. Unhas limitacións que non se poden obviar, e que non se resolven exclusivamente fomentado a enerxía verde e dixitalización. Mesmo neste último aspecto, a produción de chips está moi concentrada en moi poucos países, e a súa fabricación implica grandes investimento e consumo de enerxía e das escasas “terras raras” (a que custe ecolóxico?). Concentración excesiva en grandes corporacións, traxectos entre produción e consumo moi expostos. Os cambios son inevitábeis.


Todos estes aspectos, que se deberían debater nos parlamentos, porque nos afectan a todos e todas, xa que esta en xogo como se reparten os custes, tanto no aspecto territorial como de clase, a esta altura xa forman parte da confrontación entre potencias, e dos investimentos estratéxicos de Estados Unidos, a UE, China, Rusia, e outras potencias rexionais. Polo que, cuestión de fondo non é só se en 2021 ou 2022 volveremos a ter o PIB e o emprego de 2019, senón cales serán as condicións para o noso país e para a clase traballadora, e se os dereitos democráticos e nacionais se respectan. Ou sexa: se as corporacións estarán sometidas ao control da sociedade. Estes debates son fundamentais.

Debates fundamentais

Te puede interesar