Unha interesante exposición

este martes pasado fun a Vigo, cidade na que non puxera os pés desde febreiro de 2020, poucos días antes do espallamento masivo do coronavirus SARS-CoV-2, ese que segue traEndo de cabeza a todo o mundo. O motivo da viaxe foi a de asistir á inauguración da exposición “Bernarda Espida. As loitas dunha galega universal”, do artista plástico Xavier Costa, galego de Chantada, que leva máis de medio século vivindo e traballando por terras catalás. A mostra, comisariada por Betty León Fong, co apoio da Comisión de Cultura do PCG de Vigo, enmárcase nas actividades conmemorativas do centenario da fundación do Partido Comunista de España, que, como é sabido, tivo lugar o 14 de novembro de 1921. Contou, ademais co apoio, da Universidade de Vigo, nomeadamente da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e mais da Unidade de Igualdade. Na miña opinión foi un acerto total a cesión do edificio denominado das “Redeiras”, sito na praza do Berbés, un inmoble recuperado pola Xunta, coa unión de tres vellas casas de pescadores, que, hai poucos meses, lle cedeu á Universidade de Vigo por 40 anos. De feito o acto este do martes foi a inauguración oficial do mesmo. Para min, que descoñecía a existencia dese edificio, resultou grato estar nesa zona, un territorio que coñecín de neno, por estar perto da casa onde viviu miña catorce anos, a raíz da instalación en Vigo, para seguir traballando no seu, de meu avó Santiago Paz, un mugardés que botara máis de trinta anos pescando nos mares cubanos.

Os intervenientes na apertura oficial da exposición -o profesor Manuel Reigosa, catedrático de Bioloxía Vexetal e Reitor Magnífico da Universidade de Vigo, a profesora León Fong e o autor das obras- fixeron bo o ben coñecido aforismo “Lo bueno, si breve, dos veces bueno”, que dixo Baltasar Gracián. Chamoume moi positivamente a atención a alocución do señor Reitor, a quen nunca tivera ocasión de escoitar.

A historia circular do sufrimiento que Costa nos presenta é, nas súas palabras, “a triste, insólita e verdadeira historia da rapaza galega Bernarda Espida, que fixo 33 revolucións e perdeunas todas”.

Son ao redor de 50 pezas escultóricas -en diferentes tipos de pedra e mármore, con presenza tamén de madeira e ferro- e outros tantos gravados as que dan conta da vida dunha muller libre, lesbiana, feminista e revolucionaria, síntese dos sofrementos de moitas mulleres perseguidas, exiladas, detidas, torturadas, violadas... por diferentes reximes ditatoriais, mais tamén por sociedades das que se din avanzadas. Mulleres que sofreron explotación por motivos sexuais ou de clase e que decidiron facer fronte a esas inxustizas, tal como fixeron militantes do PCE como Dolores Ibárruri, Mercedes Núñez, María Araújo, Enriqueta Otero ou Pilar García Jiménez, cuxos rostros figuran no prospecto informativo da mostra.

Despois de ter feito un atento percorrido por esa historia da infamia penso que non andaba nada descamiñado Laxeiro cando lle fixo saber a Xavier Costa que era “o gran compositor que con mans callosas e simples ferramentas nos regalas melodías musicales nun pentagrama de pedra”. A exposición pódese visitarta o 30 de decembro, en horario de tarde das 5 ás 8 da tarde. A quen lle cadre andar por Vigo por esas datas recomendaríalle que non perdese a ocasión de visitala.


Unha interesante exposición

Te puede interesar