O recinto feiral de Punta Arnela, que durante meses foi o epicentro da vacunación na área sanitaria de Ferrol, volverá abrir o venres 19 de novembro para reanudar a campaña contra o covid, esta vez inxectando dosis de reforzo ás personas entr e os 70 e os 79 anos. Os de 80 en adiante son chamados desde o Sergas para acudir a centros de saúde de referencia (son dez e tamén o Hospital Naval) e poder recibir, no mesmo día, a vacina contra o coronavirus e a da gripe.
Serán, segundo as previsións da área sanitaria, 2.000 persoas as que pasen por FIMO o venres que vén.
Para as persoas que aínda non teñan ningunha dose, está aberta a vacinación libre no Centro de Especialidades do Marcide. Pódese acudir sen cita, de luns a sábado, de nove da mañá a dúas da tarde.
En total, desde que comezou a campaña de vacinación contra o covid, a finais de decembro de 2020, puxéronse na área sanitaria de Ferrol 321.130 doses dos catro preparados aprobados para o seu uso en Europa. 170.741 persoas teñen dúas doses e 12.865 teñen xa a terceira, un reforzo pensado para as persoas de maior idade ou con patoloxías concretas que reduzan a súa resposta inmunitaria.
A vacinación contra a gripe continúa tamén en marcha, coa novidade de que este ano organízase de forma secuencial, abríndose a diferentes grupos co paso das semanas. A partir do luns 15 poderán pedir cita nos seus centros de saúde habituais as persoas de 60 a 64 anos que se queiran protexer contra este virus estacional.
Tamén se abre a menores desa idade con patoloxías de risco, embarazadas ou mulleres no puerperio, prematuros mentres teñen entre seis meses e dous anos de idade, persoal de servizos esenciais, de oficinas de famacia e traballadores expostos polos seus labores con animais.
Este grupo súmase ao anterior, que poderá seguir vacinándose. A partir do 29 abrirase a outros segmentos poboacionais.