Días de fungos e cogomelos

Días de fungos e cogomelos
A vila pontesa acolle tres días de actividades ao abeiro desta feira | Cedida

As Pontes acolle desde mañá a prestixiosa Feira de Fungos e Cogomelos, organizada polo Concello das Pontes e que este ano chega a súa edición número trinta e un. Para a ocasión cóntase cun completo programa de actividades, no que destacan as propostas micolóxicas e gastronómicas a través de obradoiros e talleres dirixidos por profesionais.

Elena López, responsable da área de Turismo asegura que “este ano, tras o parón obrigado do 2020, apostamos por darlle valor aos produtos do noso monte e a súa potencialidade a través de actividades dirixidas e charlas didácticas, que permiten afondar no coñecemento dos fungos e dos cogomelos, na súa importancia socioeconómica, comercial, cultural e gastronómica e no seu papel como actores protagonistas na conservación da biodiversidade da nosa contorna”.

O programa comezará mañá mesmo cunha saída micolóxica ao monte, dirixida polo experto José Luís Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz, “co obxectivo de amosar ás persoas participantes distintos hábitats e os fungos que viven neles, recollendo exemplares que, a partir das 17.00 horas desde mesmo día, estarán expostos na Praza de América”, subliñan desde o Concello. Nesta xornada, ás 17.30 horas, ao abeiro das xornadas micolóxicas “Terra de Cogomelos”, na Praza de América, celebrarase un faladoiro sobre os retos e oportunidades dos cogomelos en Galicia a cargo de José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus; Chemi Traba da Federación Galega de Micoloxía, e Ovidio Queiruga da Comunidade de Montes de Baroña.

A xornada do domingo comezará ás 12.00 horas, na Praza de América, cunha mostra de xantares a cargo do cociñeiro Antonio Díaz, que amosará elaboracións culinarias onde os fungos e cogomelos terán un papel protagonista. Xa pola tarde, no mesmo lugar, das 16 e ata as 20 horas, levaranse a cabo os obradoiros “Do horta á cociña” e “Intervención de xardinería” dirixidos ao público infantil e xuvenil, que achegará ás persoas participantes ao mundo das plantas culinarias e ornamentais.

As actividades para o luns comezarán ás 9 coa presentación das cestas participantes no concurso micolóxico, eixo central da cita, que estarán expostas no patio do CEIP Santa María durante toda a mañá. Desde as 12.00 horas, os máis pequenos serán os protagonistas grazas ao obradoiro “Menuda cociña” no que aprenderán receitas con fungos. Para participar nas actividades é preciso inscribirse no 673 240 434

Días de fungos e cogomelos

Te puede interesar