Dando folgos á confrontación

Hai décadas que non se dá unha situación tan complexa a nivel internacional no económico no político. Sen dúbida entre ambas cuestións existiu sempre unha gran interdependencia. Mais dado o grao de globalización, esencialmente no ámbito comercial, financeiro e das novas tecnoloxías da comunicación, da espionaxe e intervención militar, a loita de intereses entre estados (especialmente as grandes potencias) foise perdendo en dialogo e gañando en confrontación. Todo indica que o capitalismo, a globalización neoliberal, xa non garante un medre do PIB e do emprego. Aínda que este fose desigual, consubstancial coa explotación de clase e a opresión nacional. Porén sobre todo destrúe o equilibrio coa natureza, esgota recursos esenciais e ten como única folla de ruta a hexemonía dos Estados Unidos, e un selecto grupo de aliados.

Só dende esta análise se entende a existencia de bases desta potencia nun inmenso número de estados, así como países desfeitos ou gravemente prexudicados por intervencións, bloqueos e sancións, coa escusa de defender a “democracia”. Aínda así, o modelo político-económico de China estalle gañando a competencia baseada na produtividade, e Rusia (malia as sancións) mantén unha capacidade militar en ámbitos estratéxicos igual ou superior a Washington e aliados. Ademais non deixan de estoupar contradicións dentro do bloque económico e militar forxado perante a Guerra Fría: merca de S-4000 a Rusia por Turquía, declaración de dez embaixadores como persoas non gratas hai uns días; conflito coa UE e Francia por ignoralos no bloque militar para o indo-pacifico AUKUS...

Diante desta situación tan balcanizada e tensa, mesmo entre os estados que constitúen a Unión Europea. Choca que os governos e os partidos sistémicos ollen para outro lado, deixando a resolución das contradicións e feridas en mans do complexo industrial militar norteamericano. E, o máis grave, achegando o despregue militar ás fronteiras de China e Rusia, interceptando barcos de Iran,... Neste contexto, a ruptura de Rusia coa OTAN, eliminando os observadores en Bruxelas e Moscova, e a decisión de Rusia e China de realizar patrullas navais conxuntas no Pacifico deixan en evidencia que se está xogando con lume. Canta irresponsabilidade!

Rectificarase? Aceptarase un mundo multipolar, con xustiza social e solidariedade, para facer unha fronte común contra o cambio climático, a desigualdade e precariedade? As responsabilidades non son só de Estados Unidos, Rusia e China, xa que o que faga a Unión Europea pode inclinar a balanza.

Dando folgos á confrontación

Te puede interesar