O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo xerente da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, e polo alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, supervisaron onte o remate das obras realizadas no centro de saúde de Mugardos.
Os traballos consistiron na substitución da carpintería exterior por unha con rotura de ponte térmica e novo acristalamento, baixo emisivo e con control solar nas fachadas, acometéndose tamén a mellora térmica desta. A actuación contou cun orzamento de máis de 285.000 euros. As obras incluíron así mesmo a substitución da cuberta do edificio e das luminarias de baixa frecuencia por outras led. O pintado do interior do centro e a redistribución da zona de acceso e do mostrador de administración completaron a intervención.
Trenor salientou o investimento total en obras de atención primaria na área de Ferrol desde 2009, que ascende ata o momento a máis de 10,8 millóns de euros. Subliñou ademais que para este ano está prevista tamén a realización de máis obras de reforma en centros de saúde a través dos convenios asinados cos concellos de Monfero e de Valdoviño.
O delegado da Xunta apuntou ademais que nos últimos doce anos, o goberno galego construíu ou reformou un total –con esta nova actuación en Mugardos– de 90 centros de saúde