Memoria

Di o dicionario que memoria é a capacidade de recordar o conxunto de imaxes e situacións pasadas que quedan na mente, e por iso dixeron que o ser humano ocupa o primeiro lugar na evolución, por lembrar o que aconteceu, e tamén que eramos racionais por ter a capacidade de estableceren relacións entre as ideas e os conceptos para formaren xuízos.


E ben estaría que, se dispoñemos dunha prerrogativa así, fagamos axeitado uso dela. Pero cada individuo bota man da súa particular memoria segundo lle ven a conto, moitas veces esquecendo o pasado, como se este non tivese nada que ver connosco. E abofé ten que ver, e moito. Somos consecuencia do que pasou, dependemos do noso pasado, tanto que os pasos que damos hoxe inflúen no noso devir nun ou doutro xeito. Hai a quen non lle importa a historia, ou ben quer gardar na memoria a historia que lle ensinaron, sen máis. O poeta Fernando Sanmartín di que o pasado nos define e nos dá unha identidade, por iso é importante coñecer a verdadeira historia do noso pasado para entender o que somos arestora.


Á memoria póñenselle apelidos e un deles, histórica, foi o que máis controversia creou. Segue a levantar bochas a Memoria Histórica. Perante corenta anos impuxeron un pensamento único e como consecuencia diso, unha memoria única, baseada en esencia en estableceren o criterio de que os máis do medio millón de mortos foron necesarios para construír unha España mellor, porque do año 1936 para atrás todo foron calamidades. ¡Esquecer, esquecer! é o berro dos defensores da desmemoria cuxo argumento principal e dicir que na “outra” España tamén houbo crimes abominables. Certo, pero non houbo equidistancia. Son as secuelas dunha guerra fratricida onde os vencedores seguiron matando ata o ano 1975, pouco antes de morrer o ditador. A eliminación de xente con características comúns de desafección ao réxime, logo do ano 1939 acadou cifras degradantes sen piedade e sen perdón.


E somos consecuencia de todo aquilo. De non ter sucedido aquel desastre, posiblemente a nosa traxectoria vital tería cambiado para mellor, a niveis xerais, claro, porque non cabe dúbida que algúns estaban mellor formando parte activa de todo aquilo cando a guerra foi parte importante do problema e non da solución.


Nin a nós nin aos nosos fillos nos ensinaron nada disto en historia de España no instituto, nun plan trazado para que non quedase nada de todo aquilo na nosa memoria. E a ver arestora aos nosos netos.

Memoria

Te puede interesar