A Feira da Faba de Moeche pon en valor o cultivo do producto no municipio

A Feira da Faba de Moeche pon en valor o cultivo do producto no municipio
A quinta edición da feira celebrouse onte na Nave do Mercado | jorge meis

O Concello de Moeche celebrou onte, na Nave do Mercado, a quinta edición da Feira da Faba, encontro que ten entre os seus obxectivos poñer en valor o produto e promover a recuperación dun cultivo tan importante no pasado. “Tal era así, que mesmo había quen viña desde Asturias e Lourenzá buscar faba a Moche”, salientan desde o municipio.

Na actualidade, “este legume pode ofrecer unha boa oportunidade para diversificar a economía do noso agro, por medio de plantacións ben planificadas tecnicamente que aposten por unha produción de calidade para atender mercados próximos”, engaden fontes do Concello. Onte, en San Ramón, o público puido atopar gran variedade de fabas de dentro e fóra de Galicia –como as da Cooperativa Terras da Mariña, Sanjurjo, Acastrexa ou Castelo–, mais tamén tivo ocasión de degustalas a través das racións de fabada elaboradas pola AVV de Labacengos e servidas a prezos populares.

Alimentos frescos e transformados, artesanía e unha intensa programación paralela completaron a completa xornada, dirixida a todos os públicos.

A rapazada puido gozar do circuíto de educación viaria inaugurado hai tan só uns días e participar nun novidoso concurso no que tiñan dous minutos para debagar o maior número de fabas posible. A AVV Val de Moeche, pola súa banda, abriu unha exposición con variedades de cogomelos recollidos nos montes da zona. A actuación musical do cuarteto Xente Nova e a obra de teatro “Cinco fabas para un chapeu”, de Alalá Turismo, completaron a xornada. 

A Feira da Faba de Moeche pon en valor o cultivo do producto no municipio

Te puede interesar