Abofé que non esaxero nadiña de nada cando manifesto que lembro como unha das peores noites da miña vida a do 6 de marzo de 1986. De seguro que aínda hai xente que, coma min, recorda que ese día tivera lugar o referendum, convocado polo Goberno, presidido por Felipe González, sobre a permanencia de España na OTAN, onde a metera, en maio de 1982 e dun xeito non moi correcto, o Goberno da UCD presidido por Leopoldo Calvo Sotelo.
Sabido é que nesa altura o PSOE aireaba o lema “OTAN, de entrada NO”. Estaba en consonancia co que dicía a xente e poñía de manifesto unha enquisa realizada por El País, onde nin chegaban ao 20% os partidarios da integración na organización militar.
Logo o PSOE gañou as eleccións, pasou a gobernar e o non da entrada pasou a ser de saída. Convén, non obstante, lembrar que ese sí que o Goberno e o partido acabaron pedindo tentaron disfarzalo introducindo tres medidas (a non incorporación á estrutura militar integrada, a prohibición de introducir armas nucleares en territorio español e a redución da presenza militar dos Estados Unidos) que estaba claro, como así foi, que non se ían respectar. Recordo ben que á noitiña saíra tomar algo cuns amigos a un pequeno restaurante que había na coruñesa Porta de Aires e cando saímos de alí xa case estaba cantado o triunfo do si. Fun para casa, metínme na cama e botei toda a noite remoendo como fora posible aquel tremendo desatino. Hoxe sigo cualificándoo, como mínimo, así: un tremendo desatino. Con todo, aínda que houbera moito xogo porco, o si acabara gañando cun escaso 52,5%, nun contexto de perto do 60% de abstención. Lémbroo para os que falan das exiguas vitorias do independentismo catalán.
Entre as nada limpas xogadas do Goberno, convén non esquecer a utilización que se fixo da televisión pública. Nesa altura un dos programas de maior audiencia era Jueves a jueves, que presentaba Mercedes Milá. E, oh, casualidade, o xoves anterior ao día do referendo foron entrevistados o ministro de Industria, Carlos Solchaga, que aproveitou para pedir o voto, e José María García, director do escoitadísimo programa deportivo Supergarcía en la Hora Cero, que tamén defendeu o voto afirmativo a capa e espada. Dicíase que a intervención de García sobre o tema non estaba prevista mais o certo é que ninguén lle puxo impedimento ningún a que soltase o que lle deu a gana. Síntoma de que os convocantes do referendo non tiñan claro de todo o resultado. Daquela, e desde había anos, era seguidor case a diario de José María García. A partir dese día deixei de escoitalo.
Se hoxe o traio aquí é polas súas declaracións muha entrevista no programa “Cuestión de prioridades” da cadea La 7 de Castilla y León Televisión: “Tú hablas 15 minutos con Ayuso y dices: pero coño, si no hay una cosa mejor en este país, vamos a cerrar la tienda”. Comparto plenamente esa afirmación e, despois das declaracións que foi deixando na súa visita a USA, creo que sobran minutos.
Déixao tamén de manifesto a súa resposta ao dito polo exinformador deportivo: “No las he escuchado ni tengo por qué entrar a valorarlo, ¿no? No creo que lo merezca”. Se o que pretendía era infravaloralo o mellor tería sido dar a calada por resposta. Mais xa vemos que non. Tan taurina ela, entrou ao trapo.