Fai uns días coñecíase que de novo un xuíz desestimaba a denuncia feita por un grupo de mulleres, que no 2019 foron gravadas sen o seu consentimento, cando mexaban nun calella da vía pública, no desenvolvemento dunha festa popular, aquí na Galiza. Estas fotos foron despois subidas a paxinas de pornografía, sen o consentimento de ningunha das filmada. Cabe sinalar que nese espazo de ouriñadas, tamén mexaron varóns, mais estes non deberon ser filmados (debían de tela pequena), xa que, non aparecen por ningures gravados.
Porque isto que é totalmente surrealista propio dunha das películas de Berlanga, máis que da realidade dun estado que se auto-denomina avanzado e democrático, é unha das patas máis, deste sistema patriarcal e machista, herdanza de cincuenta anos de nacional catolicismo con toda a súa rabia e odio contra as mulleres. Porque a realidade é, que ao non facer unha purga cando morreu o tirano, o ideario franquista esta a pervivir, con algúns que non dan morto e sobre todo cos seus cachorros, algúns xa de terceira xeración.
A realidade é, que estamos a respirar o cheiro nauseabundo do patriarcado en múltiples ámbitos Por un lado estamos a descubrir ou polo menos eu acabo de sabelo, de toda unha actitude machista no museo do Prado, museo este público. Polo visto neste museo, as artistas mulleres seguen a ser excluídas e menosprezadas a día de hoxe. Polo visto nun libro titulado “Las invisibles” de Peio. H. Riaño, contase que obras de grande valor artística que fixeron mulleres, mais naqueles tempos non podían asinalas e que eran asinadas polos seus mestres, a día de hoxe, tendo coñecemento das obras e quen son as verdadeiras autoras, séguese sen repoñer o ladrocinio intelectual, por parte do ministerio de educación e cultura, deste anacrónico estado español.
Podíamos tamén falar do acoso que nos derradeiros tempos está a sufrir o persoal sanitario de moitas clínicas onde se realizan abortos legais, un dereito recoñecido que teñen as mulleres. Acoso por parte de gentalla ancorada en tempos pretéritos, que intentar pór por enriba do coñecemento científico, valores propios da superchería. Porque a realidade é, que esta ralea o que verdadeiramente defenden, son os ideais de odio contra as mulleres, xa que, moito defender aos non nacidos cando simplemente son anacos de graxa sen forma, mais cando nacen, estes mesmos suxeitos néganlles dereitos socias básicos, como garderías públicas, axudas a conciliación etcétera.
Xa para rematar, é moi doado quitar o porco da cadra, mais se non ventilas ben e eliminas a fondo os excrementos, o cheiro pestilente vai seguir a emanar no habitáculo.