Idioma meu...

...Humilde, nidio, popular / Labrego, suburbial e mariñeiro / Que fas avergoñar ao burgués, ao señorito e ao tendeiro /. Así reza a primeira estrofa dun belido poema de exaltación á lingua galega escrito polo poeta da terra Cha Manuel María ao que puxo música Miguel Varela e cantou María Manuela. Reivindicar a nosa lingua foi unha arela fundamental por aqueles que comezamos a cantar en galego no alborecer da década dos 70, non meu caso en 1969. Pasaron máis de cincuenta anos e... a loita continúa. Sucederon dende entón moitas cousas que supuxeron tímidos avances neste propósito pero o obxectivo aínda fica inalcanzable. ¿Cantos anos máis necesitaremos?


O alicerce estivo nos nosos devanceiros, escritores e poetas parte de cuxas achegas usamos para facermos cancións e animar co noso quefacer a outros que viñeran detrás para achegarmos á utopía. Pero as cousas son como son e non coma nós quixéramos que foran. Moitos cantores galegos con talento preferiron expresarse en castelán, ben porque non vían no galego un xeito de proxectarse no intento de abriren un camiño diáfano cara ao seu futuro , ou ben porque o galego importáballes un comino , que de todo puido haber.


Serrat, a quen coñecín en Barcelona, pois gravamos na mesma compañía, rexistrou toda a súa primeira produción discográfica en catalán, e logo foi o propio xerente da discográfica Edigsa quen fixo a xestión para que o seu cantante “estrela” puidese gravar en castelán en “Novola- Zafiro”. Por aquí, arestora, algúns autores comezan ao revés: gravan en castelán e logo xa veremos; un xa veremos que moitas veces se queda en nada, como moito unha canción en galego nun directo por aquilo de ofreceren un retallo de amor á terra mai, e que non se diga. As cousiñas xa non están para moitas reivindicacións do idioma nin das outras, iso quedou practicamente obsoleto, xa non está de moda, e xa que logo, carece de moito sentido para certos cantores actuais.


Sego a confiar no camiño cara a utopía e por el vou transcorrendo paseniño. Creo que o noso idioma é unha partitura na que quedan penduradas as palabras e segundo como as coloques a melodía soará diferente. E é bo que segamos comunicándonos nese rexistro porque o noso idioma é un ben intanxible que nos pertence. Poñer afán e sentimento pode ser un xeito de mantelo vivo. / Ti tes que rexurdir / puro, poderoso, enteiro / para erguer noso futuro / de pobo absoluto e verdadeiro /. Así remata o seu poema “Idioma meu” Manuel María.

Idioma meu...

Te puede interesar