Sanidade

a repentina chegada do Coronavirus SARS-CoV-2 motivou, como non podía ser doutra maneira, a urxente e necesaria obriga de centrar boa parte dos servizos sanitarios na loita constante, e en diferentes frontes, para tentar poñer freo á súa contaxiosa expansión. O descoñecemento do virus fixo que nas medidas que se foron adoptando houbese, e como non, acertos e desacertos, avances e retrocesos, opinións encontradas e para todos os gustos. Vai aló ano e medio e seguimos soportando a presenza do virus nas nosas vidas, condicionadas, en maior ou menor medida, segundo as circunstancias, por el e sen sabermos ata cando vai ser así. Xa se verá. Quede, non obstante, constancia de que a miña percepción de como se xestionou a pandemia é positiva. Dubido que así fose de estaren as dereitas no poder e de non dispor da sanidade pública da que aínda desfrutamos, malia que esas dereitas tentan erosionanala día a día para poñer en mans de negociantes da saúde aquelas prestacións que se consideran altamente rendibles.

O obxectivo de aminorar ao máximo as posibilidades de transmisión levou á suspensión ou á restrición de determinadas actividades sanitarias, entre elas, a máis común, a da atención presencial en determinados servizos, substituída en boa medida pola atención telefónica, que, como todo bo profesional sabe, nunha boa parte dos casos, non é nin moito menos o mesmo. Debido a que a situación actual parece que aconsella non continuar con este tipo de restricións a Xunta anuncia que xa vai haber atención presencial e telefónica e que os pacientes van poder elixir cal queren. En teoría, porque, por iso das rebaixas do tío Paco, que tanto lle molan ao PP, xa nos dixeron que as presenciais serán o 60%. Algo vaise repoñendo, mais convirá estar atentos porque na que chaman volta á normalidade algún que outro servizo pode perderse polo camiño. A ver que acontece co aínda non recuperado dispensario de Ferrol Vello, como está a denunciar Ferrol en Común, segundo limos no noso Diario,

A min, de momento, as reducións en atención non me afectaron. Padezo unha enfermidade crónica desde hai unha ducia de anos e fun debidamente atendido como se nada estivese a pasar. Fixéronme as dúas revisións anuais, así como todas as probas solicitadas polo persoal médico que tan eficientemente me atende. Só nestes últimos días apareceu o que considero unha grave anomalía. Unha das probas que me mandaron facer antes da próxima consulta é unha gastroscopia. Pois ben, recibín un aviso telefónico no que me citaban para facer a proba. Cal non sería a miña sorpresa cando me dixeron que era nunha clínica privada e non nun centro do Complexo Hospitalario. Eu non creo na medicina privada.

Como funcionario que son, desde hai case corenta anos, teño que estar afiliado a MUFACE, a mútua dos funcionarios civís, que permite escoller o tipo de prestación sanitaria, xa pública, xa privada (Sanitas, Adeslas...). Evidentemente, sempre estiven na pública, a única que me merece confianza, e é por iso que vou tentar por todos os medios evitar que, por razóns que ignoro, se me desvie a un centro que non ma ofrece.

Sanidade

Te puede interesar