Respecto

Nun mes cumpriranse 53 anos da celebración dos Xogos Olímpicos de México. Aquel ano de 1968 fora pródigo en acontecementos violentos e protestas de moita resonancia universal, como foron os asasinatos de Martin Luther King e Robert Kennedy, o maio francés, a primavera de Praga ou o masacre de Tlatelolco, que tivo lugar, na propia cidade de México DF, o 2 de outubro, 10 días antes da inauguración da XIX Olimpiada.


Desde pequeno fun afeccionado aos deportes en xeral, particularmente o fútbol e o atletismo, que son os que máis sigo e os que máis practiquei. De feito estou redactando estas liñas despois de ver na Malata a vitoria do Racing sobre o Valladolid Promesas.


O comezo dos Xogos México 68 coincidiu coa miña chegada a Santiago, xa que daquela o curso adoitaba comezar, penso que con moi bo criterio, a comezos de outubro. Como tiña mentes de ver o que me interesaba, axiña procurei un lugar cómodo para facelo. O lugar elixido foi o café Marineda, situado na porta da Mámoa, xusto fronte o Derby e o edificio modernista do Castromil, botado abaixo polas autoridades franquistas en 1975, cando Franco, que non o franquismo daba as últimas boqueadas. Sitio espacioso e tranquilo, a un par de minutos de onde moraba, a pensión Iglesias da Fonte de San Antonio.


Alí vin imaxes que quedaron permanentemente na miña memoria. Records fantásticos e outras cousas, sen dúbida máis importantes. Para min, desde logo, fórono. Ver correr os 200 metros por debaixo de 20” ou os 400 en menos de 44”, por primeira vez na historia e establecendo marcas que tardaron anos en superarse foi unha gozada. Mais tamén foi tremendamente sorprendente ver os xestos solidarios dos autores desas impresionantes xestas deportivas. Ver Tommie Smith e John Carlos subidos no podio, coas zapatillas na man, descalzos ou con calcetíns negros, e erguendo o puño con luva negra mentres soaba o himno americano impactaba moito e daba que pensar. A min motivoume e levoume a reflexionar e a aprender cousas que descoñecía. Pasoume o mesmo cos gañadores de medallas dos 400 Lee Evans, Larry James e Ron Freeman, estes sen luvas, mais ataviados con boinas negras, símbolo tamén do Black Power. Todos eles estaban a denunciar, e nun evento de tantísima difusión, a opresión racial padecida polos negros nos Estados Unidos. Todos eles, dun xeito ou doutro, sufriron represión. Así funciona este mundo marabilloso.


A raíz do asasinato, a mans dun policía branco, de George Floyd, fixéronse populares as manifestacións pola igualdade racial, realizadas por xogadores e adestradores da NBA, consistentes en afincar un xeonllo no chan. A este respecto, LeBron James, un ídolo do basquet, manifestou que é certo que no tema do racismo houbo progresos, mais que, cando os houbo, se deixou de pisar o acelerador e non se poder facer iso.


Imitaron o xesto da NBA algunhas seleccións de fútbol na pasada Eurocopa, acción que continúa nalgúns partidos de clasificación para a Copa do Mundo. Vimos o outro día como no partido Polonia-Inglaterra, xogado en Varsovia, a torcida polaca asubiou o afincamento dos ingleses e como Lewandowski, malia permanecer de pé, manifestou o seu desacordo con esa actitude sinalando o lema “Respect” que figura nas camisetas das seleccións. Moito respecto é o que fai falta para arranxar esta porcaría de mundo que nos toca padecer.

Respecto

Te puede interesar