Traballadores das empresas auxiliares da central térmica das Pontes protestaron de novo onte ante as portas da factoría nunha convocatoria unitaria dos sindicatos CIG, FICA-UGT e CCOO. Denuncian unha situación de vertixe ante un futuro que non se concreta mentres continúa a perda de postos de traballo. Critican a “inmensa fraude da mal chamada transición enerxética”,e apuntan cara a empresa e cara a Xunta de Galicia, “cruzados de brazos e nun silencio cómplice mentres se destrúen empregos na comarca sen alternativas de futuro”.A eles interpélanos directamente e queren, con esta acción, visibilizar “a súa falta de compromiso” mentres se materializan procesos irreversibles.
Ao redor dun cento de persoas, incluíndo traballadores e delegados das tres centrais, participaron na protesta, diante dunha empresa á que o Goberno Central aínda non puxo data de peche e para a que tampouco hai plan alternativo sobre a mesa. Unha situación que cualifican de “vertixe laboral” e que se agrava ante decisións coma o ERE anunciado por Maessa e que “supón a perda de medio cento de postos de traballo, dos que dependen outras tantas familias da comarca, ante a pasividade das administracións”.
Os tres sindicatos que forman parte da coordinadora de auxiliares participan hoxe á tarde nunha reunión en Santiago de Compostela con responsables de Endesa e do goberno galego. Tamén están citados o colectivo de transportistas e o comité de crise das Pontes, no que se integran o Concello e asociacións empresariais da comarca.
Desde o anuncio da petición de peche da central, en setembro de 2019, sucedéronse pasos cara ó seu desmantelamento, así como mobilizacións e reunións dos sectores implicados. A parte social fai unha denuncia constante do impacto que xa ten este proceso para o emprego industrial nas comarcas, sen que haxa unha substitución.