Dani Vilar: “Hai presión, si, pero coido que como en todos os traballos”

Dani Vilar: “Hai presión, si, pero coido que como en todos os traballos”
Vilar, no concello da Capela, onde naceu | d. alexandre

A traxectoria do enxeñeiro Dani Vilar (A Capela, 1991) é tan vertixinosa como os vehículos cos que traballa. A vindeira temporada será o telemétrico electrónico de Luca Marini, irmán de Valentino Rossi, no Aranco VR 46, que competirá na máxima categoría do motociclismo, Moto GP.


Era un soño de infancia?

Nin moito menos. Sempre quixen ser piloto de avión; desde o instituto tiven predilección polas ciencias e funme encarrilando por aí, pero nunca tiven como obxectivo traballar en Moto GP. Foron as circunstancias as que me foron levando por ese camiño.


E estudou enxeñaría...

Si. Cando un está no instituto está moi perdido, como é lóxico, pero logo de pensalo moito tomei a decisión de ir estudar aeronáutica a Madrid. Víao como un reto e iso, unido á miña idea de marchar fóra, empurroume a tirar para adiante. E alá fun para Madrid, onde tiña amigos e coñecidos un ano maiores ca min.


Como xurdiu a oportunidade de entrar no mundo da alta competición?

Se cando tes 17 anos estás moi perdido á hora de tomar unha decisión, cando ves o fin dos estudos, máis perdido aínda. Acabei aeronáutica, algo do que non me arrepinto e, de feito, creo que hoxe o volvería facer. Tiven a sorte de poder dedicarme só a estudar grazas ao apoio da familia. Eu vía que os meus compañeiros comezaban a traballar en consultorías, outros no sector da banca, pero iso a min non me chamaba nada a atención. Houbo quen se integrou en empresas que traballaban para Airbus en proxectos que se centraban en aspectos moi concretos. Eu son unha persoa bastante movida e non me vía traballando oito horas nunha oficina nunha actividade na que non ves o proxecto global. A min gustábame moito a Fórmula 1, máis que as motos, nese contexto da “Alonsomanía”, e entón vin un anuncio de Repsol sobre un máster en enxeñaría de competición na súa escola en Barcelona. Aí vin unha alternativa á industria convencional.


E como foi ese salto?

Foi en 2015 e aí tiven os meus primeiros eventos en circuítos. Formeime con xente que estaba en activo no mundo da competición e abríronme os ollos: a análise de datos, a enxeñaría orientada ao deporte tiña un punto que a min me enganchou axiña. Monlau Competición ten unha escola de mecánicos e enxeñeiros, e tamén equipos de coches e de motos, como o de Estrella Galicia no Mundial de Moto 3 ou os campionatos de España. Estiven máis dun ano traballando con eles nos coches.


Mesmo lle ofreceron ser director do máster.

Falando en prata, foi ter unha flor no cu e estar no momento e no lugar indicados. Estando en Monlau ofréceseme a coordinación do máster e compatibilizalo co traballo no equipo de automoción –Renault Sport FS 01 Series, test en campionatos ou privados, Fórmula 4...–, pero o que de verdade me enganchou ao mundo da competición foi traballar en karting, con pilotos de 6 a 14 anos, que é a xente máis agradecida que podes atopar. Gozaba moito nas carreiras, ir as fins de semana aos circuítos... E comezaron a aparecer proxectos dun nivel máis profesional. Ata que se me abriu outra porta.


Cal?

En 2017, na carreira de motos de Jerez. Ao equipo Pons Racing lesionóuselles un telemétrico. Iso coincidiu coa miña desvinculación de Monlau. Foi todo moi rápido e non se pode deixar escapar a oportunidade de chegar directamente ao Mundial de Moto 2 cun equipo como Pons, que ten un campión do mundo como Pol Espargaró. Ofrecéronme cubrir esa baixa e ser o telemétrico de Fabio Quartararo. No máster aprendín moitísimo, pero non era o meu futuro. E alí me vin, en Le Mans, abrindo por vez primeira un ordenador cunha moto diante. Axiña me decatei de que ese era o sitio no que quería quedar e onde empecei a sentirme realizado como enxeñeiro.


Canto tempo estivo?

Fixen todo o ano e o equipo quixo seguir contando comigo. Quartararo marchou e seguín con Lorenzo Baldassarri dous anos máis. No segundo ano, o motor e a centralita da categoría mudaron co obxectivo de que fose unha especie de lanzadeira cara a Moto GP. Resetear a categoría axudoume a igualarme co resto dos técnicos que levaban desde 2010, desde que naceu moto 2, traballando coa moto anterior. Cando un forma parte dun equipo que loita por podios e por gañar carreiras, máis enganchado está.


E o ano que vén, en Moto GP.

Agora mesmo estou en Sky VR 46, o equipo de Rossi, co seu irmán, Luca Marini. Síntome moi afortunado de ter estado nun equipo no que o xefe é Sito Pons e agora noutro no que o xefe é Valentino Rossi e poder pelexar polo Mundial de Moto 2. Deixar Pons foi moi difícil porque son amigos. O ano que vén Sky VR 46 cambia e pasa a chamarse Aranco VR 46. Faise con dúas prazas en Moto GP e decidiron contar comigo para ser o telemétrico de Marini.


Como leva a presión da competición?

Haina, si, pero coido que como en todos os traballos. Aquí, un erro de pilotaxe ou de electrónica pode facerche perder unha décima de segundo, e iso en Moto 2 tradúcese en catro posicións. Pero creo que a presión existe en todos os ámbitos. Somos humanos e erramos; do que se trata é de concentrarse e traballar moito para cometer os mínimos posibles: nervos tranquilos e que a adrenalina non che impida controlar a situación. 

Dani Vilar: “Hai presión, si, pero coido que como en todos os traballos”

Te puede interesar