SMI, cómpre un aumento real e xusto

a proposta do Governo, anunciada como se fose un triunfo para a clase traballadora, de aumentar o salario mínimo interprofesional (SMI) entre 15 e 19 euros ao mes, ou sexa no mellor casos un 2% de subida, queda por debaixo do crecemento da inflación, ou sexa que aínda perderían capacidade adquisitiva (e só se aplicaría tres meses). Ate o mes de agosto o IPC anual no Estado español creceu un 3,3%, e o da nación galega nun 3,5 ate xullo, tamén computando os derradeiros 12 meses. Neste último caso moi superior ao de Madrid (2,6%), Cataluña (2,8%) e Pais Vasco (2,9%), malia que estes territorios teñen un nivel de vida máis alto.

En poucas palabras, que malia a promesa do Governo de que a primeiros de 2023 estaremos no 60% da media salarial, na práctica agora dáse un paso atrás. Polo que non se entende a postura da patronal, a non ser como para fortalecer unha oposición frontal a unha nova reforma laboral que temen poda devolver a ultra-actividade aos convenios, darlle prioridade aos de sector cando teña condicións máis beneficiosas, a aprobar pola administración os ERES, etc. Unha nova reforma que esquece a reivindicación sindical da plena derrogación da reforma laboral de Rajoy (a CIG tamén pide derrogar a de Zapatero). Resulta evidente que hai aspectos que non se queren tocar como a indemnización por despedimento improcedente e por causas obxectivas, etc.

O SMI afecta a aqueles asalariados/as que carecen de convenio ou cando estes fixan para algunha categoría ingresos inferiores. As estimacións é que afecta un 10% da clase traballadora. Tamén cómpre ter en consideración que este ano os salarios creceron 1,5%, por debaixo da inflación. Esta subiu especialmente en bens de primeira necesidade, como electricidade, combustíbeis e vivenda, que son gastos que teñen un maior peso nas familias con baixo poder adquisitivo.

Por último, respecto de que a suba SMI pode afectar a viabilidade empresarial e ao medre do paro, dicir que malia o aumento de 2020 estase creando emprego a bo ritmo, malia que seguimos en pandemia (aínda que axude o efecto rebote). Ademais dende a crise de 2008, mesmo unha vez superada, non deixou de crecer a proporción no PIB das rendas do capital. Aquel ano os ingresos dos/as asalariados representaban o 46,4% da renda e os do capital o 43,9%, unha década despois, en 2018, o 45,6% e o 46,1% respectivamente. Non temos dados máis recentes, porén a tendencia é claramente regresiva para a clase traballadora. O aumento do SMI é de xustiza e positivo para dinamizar a economía ao dar pulo ao consumo.


SMI, cómpre un aumento real e xusto

Te puede interesar